Elena Gallego no Rio de Janeiro. Entrevista

Nos últimos días a escritora galega Elena Gallego estivo no Rio de Janeiro e en Brasilia, participando do XI Encontro Internacional de Escritoras. Non podiamos deixar pasar esta ocasión para nos entrevistar con ela e lle preguntar pola súa exitosa saga Dragal e pola súa recente achega á novela negra na nosa lingua, Sete caaveiras.

Biografía: http://www.xerais.es/autores.php?tipo=autores&id=100030669

Antes de nada, que tal a túa estadía polo Brasil e no Río de Janeiro?

Foi unha grande experiencia, curta pero moi intensa, cunha axenda ateigada de compromisos. Na miña visita ao Río tiven oportunidade de entrevistarme con editores cariocas cos que xa contactara dende Galicia, e que están interesados na miña obra literaria. Pero o principal obxectivo da viaxe era participar coa miña saga Dragal no XI EIDE, Encontro Internacional de Escritoras promovido pola Academia de Letras e Música do Brasil. Celebrouse do 13 ao 17 de marzo na capital federal, Brasilia, reunindo a escritoras, xornalistas, editores e formadores de opinión de varios países. Este foi un fantástico foro para facer novas amizades e contactos aos que dar a coñecer os meus libros. Agora, coa semente botada, agardo que a maxia do dragón galego non tarde en prender nesa outra beira do Atlántico.

Comezamos con Dragal. Sétima edición en catro anos de A herdanza do dragón; traducións asinadas en catalán, castelán e inglés; videoxogo e serie de televisión de camiño… Sentes vertixe?

Se me deteño a reflexionar, si, e coido que non é para menos. Ademais das traducións xa comprometidas e das que poidan xurdir trala miña visita ao Brasil, Dragal tamén está en mans dunha importante editora francesa, conta con aliados en Italia e Portugal, o proxecto audiovisual será presentado na próxima MICSUR que se celebra na Arxentina… Por sorte, dende os últimos meses estou tan ocupada en acompañar os meus libros polo mundo adiante que non teño tempo de pensar no alcance que pode acadar a saga se continuamos con esta progresión. Ás veces teño a sensación de formar parte dun soño, porque estas cousas non acontecen na “vida real”. Cando escribín a primeira novela, para o meu fillo, nin sequera podía imaxinala publicada. E xa ves…

Nos tempos que corren poucas obras na nosa literatura están conseguindo venderse con tanta facilidade. Por que cres que a xente compra Dragal? Cales son as chaves do éxito?

A maxia das súas páxinas está conseguindo ilusionar a moita xente, lectores de todas as idades e profesionais do mundo editorial e audiovisual. Mais ese éxito é o resultado de moito traballo silencioso. Detrás de cada libro de Dragal está o labor de todas e cada unha das persoas que cren na maxia deste dragón galego: dos editores que decidiron publicalo, comezando por Manolo Bragado e todo o equipo de Xerais; do ilustrador Miguel Abad, que realizou as fantásticas cubertas; dos libreiros que len e recomendan Dragal porque lles gusta; dos profesores dos centros de ensino galegos que elaboran as súas guías didácticas e o levan ás aulas… E, por suposto, os milleiros de lectores que se se están unindo á Fraternidade do dragón galego. Esa maxia é contaxiosa e agora comeza a estenderse polo mundo.

Imaxe

XI Encontro Internacional de Escritoras celebrado en Brasilia

– Hai quen te chama xa a J.K. Rowling galega, que che parece?

Xa me gustaría que a maxia de Dragal chegase tan lonxe como a do mago Harry Potter! Cantos millóns de libros vendeu xa? (Risas). O certo é que a primeira vez que un xornalista levou esta comparación aos titulares deixoume sen fala. Ser comparada con J.K.Rowling é un reto e unha gran responsabilidade. Dragal e Harry Potter son dúas obras moi diferentes, aínda que comparten un obxectivo: espertar o interese dos rapaces pola lectura. Eu, ademais, pretendo espertar a súa curiosidade polas nosas lendas, cultura e historia.

Dragal e Harry Potter son dúas obras moi diferentes, aínda que comparten un obxectivo: espertar o interese dos rapaces pola lectura. Eu, ademais, pretendo espertar a súa curiosidade polas nosas lendas, cultura e historia.

– Necesitaba a mocidade un Dragal na literatura galega para se prender dela?

Os libros que lemos de cativos e durante a mocidade son os que marcan a nosa vida, os que nos enganchan á lectura ou nos frustran para sempre. Nesa opinión coincido con grandes autores galegos como Fina Casalderrey ou Agustín Fernández Paz. Nese senso, a combinación que Dragal fai de fantasía, historia e realidade conseguiu engaiolar milleiros de rapaces que devecían por unha historia así. Salvando as distancias, un fenómeno semellante ao que xerou J.K.Rowling co seu Harry Potter. Cando xurdiu Dragal, esta obra foi pioneira en Galicia (trátase da primeira triloxía fantástica creada en lingua galega, non o esquezamos). Hoxe xa hai novos escritores e editoras traballando nesta liña de ficción fantástica, con grande acollida por parte da mocidade. Isto é unha boa noticia para a literatura galega, que vive un momento creativo excepcional. E tamén para os novos lectores.

– Literatura infanto-xuvenil ou novela para todos os públicos?

Gustaríame fuxir das etiquetas, porque Dragal é unha saga con seguidores moi diversos. Novela fantástica, novela histórica, novela de aventuras, novela xuvenil… Eu reto os lectores de todas as idades a acompañar os meus personaxes ata que baixan ás catacumbas. E despois, que eles mesmos decidan.

– Neste 2014 atréveste coa novela negra con Sete caveiras. Unha mudanza necesaria?

Despois de catro anos vivindo no universo de Dragal, necesitaba explorar outros territorios aínda salvaxes. Concibín Sete Caveiras coma un xogo. O meu reto era emular e actualizar un clásico de Agatha Christie, Dez Negriños, inseríndolle clicks de Famobil, banda sonora da Movida e paisaxes da ría de Vigo. O resultado é unha novela que, iso din os seus lectores, engancha.

– A crítica literaria Dolores Vilavedra afirmaba hai uns días que “a literatura galega actual quedou sen líderes de referencia”. Como ves o panorama da nosa literatura hoxe?

Complicado. A cuestión non é ter ou non ter escritores “líderes de referencia”, que algún pode haber, senón que as dificultades económicas están afogando un sector editorial que vai camiño da extinción. En Galicia escríbense cada ano ducias, centos de libros que nunca verán a luz. Cada exercicio, o sector publica varios milleiros de libros menos que no anterior. Nestas condicións, máis que líderes precisamos superviventes. Cantos escritores verdadeiramente profesionais temos en Galicia? Mellor non botar contas!

En Galicia escríbense cada ano ducias, centos de libros que nunca verán a luz. Cada exercicio, o sector publica varios milleiros de libros menos que no anterior. Nestas condicións, máis que líderes precisamos superviventes.

 Imaxe

Alter, inseparábel de Elena Gallego, no Rio de Janeiro

– Estes días estiveches no Río de Janeiro e en Brasilia. Hai no Brasil interese pola nosa literatura?

No Brasil atopei unha gran curiosidade por este recunchiño que chamamos Galicia. Sorpréndelles a facilidade coa que entenden a nosa lingua irmá e iso ábrenos as portas para falarlles da nosa literatura. A nivel profesional, como escritora, eu sentinme “na casa”.

– Está en perspectiva a tradución das túas obras ao portugués?

Nesa liña estou traballando, con moi boas perspectivas neste momento. Os editores cos que tiven oportunidade de entrevistarme no Río de Janeiro e Brasilia, cos que xa contactara antes de viaxar ao Brasil, amosaron o seu interese polos meus libros. A miña participación no XI EIDE permitiume presentar o dragón galego en sociedade, cunha excelente acollida. Ao tempo, tamén manteño contactos cunha importante editora en Portugal.

– Que plans de futuro nos podes adiantar? Algunha novidade proximamente?

O meu obxectivo literario prioritario é a cuarta entrega de Dragal, que estou rematando. O meu reto, cando comecei a escribila hai un ano, era construír unha novela que superase as anteriores. Non sei se o conseguirei, mais podo avanzar que será trepidante, con novos personaxes e moitas sorpresas. E despois… Teño outra grande historia no forno, da que aínda non vou falar. Non debo.

No Brasil atopei unha gran curiosidade por este recunchiño que chamamos Galicia. Sorpréndelles a facilidade coa que entenden a nosa lingua irmá e iso ábrenos as portas para falarlles da nosa literatura. A nivel profesional, como escritora, eu sentinme “na casa”.

– Agora brevemente…

 O mellor e o peor do Río e do Brasil

O mellor, a fragrancia das froitas tropicais e as paisaxes. O peor, as desigualdades sociais e certa sensación de inseguridade.

Un lugar no Río de Janeiro

Imprescindible subir ao Pão de Açúcar e ao Corcovado, para gozar dunhas incribles vistas. E pasear as praias de Flamengo, Botafogo, Copacabana, Ipanema, gozando das paisaxes.

Un autor/a galego e unha brasileira/o

Estou lendo a última novela de Pedro Feijoo, A memoria da choiva, e Brasil descubriume a poesía de Cecília Meireles.

Un desexo para o futuro

Volver ao Río de Janeiro para a presentación da edición brasileira de Dragal. Cando sexa, estades todos convidados a acompañarme.

Uma consideração sobre “Elena Gallego no Rio de Janeiro. Entrevista”

Deixe um comentário