Maite Insua: “Co Decreto do Plurilingüismo a competencia en inglés do alumnado pode empeorar considerabelmente”

Maite Insua Cabanela é Graduada em Letras Inglês pela Universidade da Coruña (2009) onde também realizou o seu Mestrado em Ensino de Línguas (2010). Trabalhou como professora de língua inglesa na cidade da Corunha entre os anos 2010 e 2015. Após dar aulas na cidade de Zamora seis meses, na atualidade é professora no Ensino Médio na cidade de Puebla de Sanabria (Zamora).

Experimentar en primeira persoa o feito de que falando galego podemos comunicarnos sen problemas con millóns e millóns de falantes lusófonos do outro lado do Atlántico é unha sensación difícil de explicar. Estaba a miles de quilómetros da miña terra pero, dalgunha maneira, sentíame na casa.

1. O pasado 24 de agosto participaches da actividade O galego na juventude que aconteceu na UERJ. Como foi o acto?

Nunha soa palabra, eu diría que o acto para min foi un privilexio. Ter a oportunidade de falar da situación da lingua galega no ensino a máis de 8.000 quilómetros de distancia e notar que a xente se involucra e que empatiza coa nosa situación lingüística é algo moi especial.

2. Ti achegaches unha perspectiva sobre a situación das linguas no ensino actual da Galicia. Como profesora de inglés no ensino medio, ten contribuído este Decreto á mellora da competencia lingüística en inglés do alumnado?

Non podo predecir que pasará de aquí a uns anos se este Decreto continúa a estar en vigor, pero no presente podo dicir de primeira man que a competencia lingüística en inglés do alumnado, lonxe de mellorar, pode chegar a empeorar considerablemente. A grande maioría dos rapaces e rapazas do ensino medio que se enfrontan a unha educación “trilingüe” en galego, castelán e inglés non alcanzan o nivel suficiente nesta lingua estranxeira como para poder utilizala como lingua vehicular nas aulas. Parte do profesorado, por outro lado, tampouco está preparado para impartir as súas materias en inglés. Este sobreesforzo que se lle está a esixir tanto ao profesorado coma ao alumnado afecta negativamente ao proceso de aprendizaxe, xa que o profesorado está obrigado a impartir as súas materias nunha lingua que nin eles mesmos nin o alumnado dominan o suficiente.

O profesorado está obrigado a impartir as súas materias nunha lingua que nin eles mesmos nin o alumnado dominan o suficiente.

3. Como influiu este Decreto na situación do galego no sistema escolar?

O chamado “Decreto do Plurilingüismo” coloca ao mesmo nivel no eido educativo as dúas linguas cooficiais de Galicia (galego e castelán) e a unha lingua estranxeira como é o inglés, proporcionándolles a cada unha delas a porcentaxe do 33% do horario escolar. Coa introdución do inglés como lingua vehicular no ensino galego, a porcentaxe de materias impartidas en galego pasa dun mínimo do 50% esixido polo anterior Decreto a só unha terceira parte do total, algo que vai repercutir negativamente na competencia lingüística en lingua galega. Segundo a lexislación actual, débese garantir que o alumnado galego desenvolva unha dobre competencia en ambas linguas oficiais. Tendo en conta a situación do galego como lingua minorizada en Galicia, este novo Decreto non garante esa dobre competencia, imprescindible para asegurar a liberdade de elección á hora de empregar o galego no día a día. Como é lóxico, os rapaces e rapazas que se atopan na etapa do ensino secundario non poden empregar unha lingua na súa vida diaria se non se lles dan as ferramentas necesarias para desenvolverse nela con soltura.

Vouno exemplificar cunha anécdota, Hai un tempo, eu traballaba dando aulas nun curso de idiomas privado, onde tiña alumnado de tódalas idades posibles, dende rapaces e rapazas de Educación Primaria ata adultos. Unha das miñas alumnas máis novas estaba en segundo de Primaria (tiña 7 aniños), e sorprendentemente non viña a clases de reforzo de inglés senón de Science, o que anteriormente se chamaba Coñecemento do Medio, unha das materias que pasou de ser impartida en galego a ser en inglés. En cada clase que tiña con esta rapaza era máis evidente que o feito de usar o inglés como lingua vehicular para a materia de Science repercutía negativamente tanto na adquisición de contidos da materia de ciencias como na aprendizaxe do inglés. Nunha ocasión, a alumna díxome que tiña que estudar os músculos para unha proba que tiña ao día seguinte. A materia estaba enfocada en aprender listas interminables de vocabulario en inglés que nin sequera traducían ao galego ou ao castelán, co cal a rapaza sabía escribir calf ao lado dun debuxo dunha perna, pero se lle preguntabas onde estaba o músculo do xemelgo (a tradución de calf), non tiña nin idea. E digo “sabía escribir” e non “sabía dicir”, porque a súa mestra non estaba especializada en inglés senón en ciencias, co cal a pronunciación que lles ensinaba aos alumnos non era a correcta.

Este novo Decreto non garante a dobre competencia, imprescindible para asegurar a liberdade de elección á hora de empregar o galego no día a día.

4. Cal pensas que sería o modelo máis axeitado no ensino para garantir unha boa competencia na lingua propia da Galicia, o galego, e no castelán, inglés e outras linguas estranxeiras?

Un modelo que resulta moi efectivo noutros sistemas educativos como o catalán e o vasco é a inmersión lingüística, que consiste en converter a lingua menos empregada polo alumnado na principal lingua vehicular no ensino, de forma que a maioría de materias se impartan neste idioma. Esta inmersión garante un coñecemento suficiente da lingua minoritaria, pese a que o alumnado empregue outras linguas fóra do contexto escolar. Aplicando este modelo ao ensino de Galicia, se fóra da escola a lingua máis empregada polo alumnado é o castelán, a porcentaxe de materias impartidas en galego debería ser moito maior, permitindo así alcanzar esa dobre competencia da que falei antes nas dúas linguas oficiais do país.

Canto ao inglés e a outras linguas estranxeiras incluídas no currículo escolar, eu apostaría por aumentar o número de horas da materia de lingua estranxeira á semana e baixar a ratio nas aulas de idiomas. Para desenvolver unha competencia comunicativa na lingua estranxeira, é crucial que as aulas desa materia sexan o máis interactivas posible, algo que é inviable en aulas de máis de 25 alumnos coma as que permite a lexislación vixente. Tamén se deberían potenciar estancias no estranxeiro como medida de inmersión lingüística na lingua estranxeira, pero sen que iso implique reducir o número de horas adicadas ás dúas linguas oficiais en Galicia.

5. Na túa intervención fixeches tamén unha reflexión sobre a túa experiencia como neofalante. Por que decides mudar de lingua e comezar a falar galego no teu día a día?

Como expliquei na miña intervención, eu nacín e crecín nun entorno maioritariamente castelanfalante: meus pais e o resto da miña familia falaban comigo en castelán (pese a que entre eles falaron sempre en galego), os meus amigos falaban castelán tamén… Cando era pequena, o meu contacto coa lingua galega reducíase a algunhas aulas na escola, aos debuxos animados e series que vía na Televisión de Galicia, e a escoitar falar galego na casa, aínda que fose en conversacións alleas a min. Como consecuencia, eu asumía que falar castelán na vida diaria era o normal, o que todo o mundo facía.

Na miña adolescencia, comecei a ser consciente da situación da lingua galega e de como o número de galegofalantes se reducía co paso do tempo, pero naquela época esa conciencia lingüística non era o suficientemente forte aínda como para me facer mudar de lingua.

Decidín deixar de ver pasivamente como o galego desaparecía na mocidade e actuar para que iso non ocorra, aínda que sexa humildemente, sumando unha galegofalante máis.

Cando comecei a miña época universitaria, mudeime á cidade da Coruña para continuar os meus estudos alí. Pese a que A Coruña é unha cidade maioritariamente castelanfalante, alí coñecín a moita xente que era plenamente consciente da mala situación que estaba a vivir o galego, e que non só era consciente, senón que tamén facía todo o que estaba na súa man para inverter ese proceso de desgaleguización. Entón decateime de que eu tamén podía formar parte dese movemento, e así foi como decidín mudar de lingua e converterme en galegofalante no meu día a día. Decidín deixar de ver pasivamente como o galego desaparecía na mocidade e actuar para que iso non ocorra, aínda que sexa humildemente, sumando unha galegofalante máis.

6. Os últimos datos de uso mostran como o galego perdeu falantes nas últimas décadas, especialmente nas xeracións máis novas. É importante o papel dos neofalantes para o futuro da lingua?

Claro que é importante. Cada vez que unha persoa, aínda que só sexa unha, se converte en neofalante e vive a súa vida en galego, significa estar un paso máis preto da normalización lingüística que tanta falta lle fai á nosa lingua. Dende a miña experiencia persoal, cando eu comecei a falar en galego no día a día, algunha xente do meu entorno comezou a dirixirse a min en galego tamén; igual só o falan cando están comigo, pero independentemente diso, esa xente fala en galego en situacións nas que antes non o facía, e iso sempre é positivo.

7. Estiveches no Rio de Janeiro algo máis de 10 días. Para unha galega, como é o contacto co portugués brasileiro?

O portugués brasileiro foi unha revelación para min, xa que a pesar da distancia xeográfica que separa a Galicia do Brasil, resultoume bastante máis sinxelo de entender que a variante lingüística dos nosos veciños portugueses. Ademais, experimentar en primeira persoa o feito de que falando galego podemos comunicarnos sen problemas con millóns e millóns de falantes lusófonos do outro lado do Atlántico é unha sensación difícil de explicar. Estaba a miles de quilómetros da miña terra pero, dalgunha maneira, sentíame na casa.

8. Voltarás ao Rio de Janeiro?

Se a vida mo permite, por suposto! Unha ducia de días non son suficientes para poder desfrutar de todo o que o Rio de Janeiro ten para ofrecer. E xa por non falar do Brasil enteiro!

Agora brevemente…

O mellor e o peor do Rio e do Brasil

O mellor, a súa xente: ese carácter alegre e acolledor que fai que baixes á rúa a primeira hora da mañá cun sorriso na cara.

O peor, a desigualdade social. Un dos momentos máis abrumadores para min durante a miña estancia no Rio de Janeiro foi cando saín de visitar o estadio de Maracanã, cheo de novas instalacións a todo luxo, e atoparme de fronte cunha favela que remataba máis alá do que me alcanzaba a vista.

Un lugar no Rio de Janeiro

O Pão de Açúcar, o Cristo do Corcovado, o morro de Dois Irmãos… Calquera lugar que che permita admirar a cidade dende as alturas. A orografía e a paisaxe da cidade do Rio de Janeiro son sobrecolledoras, únicas no mundo. Estaría horas e horas mirando para ela.

Unha palabra do galego e unha do portugués brasileiro

Difícil escolla. Aínda que pode soar como un tópico, quedaríame coa palabra galega morriña e coa palabra portuguesa, e tamén galega, saudade. Aínda que se tenten traducir a outras linguas, estas dúas palabras son as únicas que poden expresar ese sentimento que nos inunda cando pensamos nunha persoa ou nun lugar amado que está lonxe de nós.

Un desexo para o futuro

Que se siga loitando para que a lingua galega siga viva, mantendo así viva a nosa cultura e permitíndonos seguir comunicándonos con millóns de persoas en todo o mundo.

Anúncios

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair / Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair / Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair / Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair / Alterar )

Conectando a %s