Breves apuntamentos sobre a realización das vogais átonas finais no galego e no portugués brasileiro contemporáneos

Mailson Lopes

Professor no Instituto de Letras e coordenador do Centro de Estudos Galegos na Universidade Federal da Bahia 

nda que non sexa posible observar entre o galego e o portugués brasileiro unha continuidade histórica ou espacial estrita e evidente, e aínda que a partir destas variedades se establezan comunidades lingüísticas diferenciadas, con particularidades idiomáticas e discursivas propias (LAGARES, 2012), é posible encontrar diversas confluencias entre esas linguas — en nivel intra e extralingüístico —, que non as configuran como un mesmo sistema (son dúas linguas distintas), pero as fan configurarse como sistemas lingüísticos extremadamente próximos, con varios trazos comúns, que premiten en case todas as situacións a intercomprensión entre os seus falantes.

A premisa básica que se adopta neste brevísimo ensaio consiste na idea — sinalada e sostenida por Lagares (2012, p. 29) — de que se poden “[…] encontrar características fonéticas, morfológicas, sintáticas e lexicais comúns entre o galego e o portugués brasileiro, produto da emergencia dunha lingua popular no Brasil relacionada historicamente coas falas galegas”. Serían, entón, dúas variedades dun mesmo macrosistema histórico, fincado na época medieval, o galego-portugués, documentado desde mediados do século XII (MARTINS, 1999).

No vocalismo átono, o galego e o PB achéganse de forma perceptible, compartindo determinadas características e afastándose ambas, de certa forma, do portugués europeo (PE). Así é, por exemplo, na realización da P4 do Presente ou do Pretérito Perfecto do Indicativo, sempre como un fonema vocálico central baixo /a/, diferentemente do PE, que presenta, de forma xeneralizada no uso lingüístico, unha parella de sons vocálicos (un fonema vocálico central baixo /a/ e outro alto /ɐ/), un para cada unha destas formas verbais (MONTEAGUDO, 2012).

A realización das vogais átonas finais é algo que chama a atención de quen observa o vocalismo nestas dúas linguas románicas, pois niso presentan algunha similitude. Ambas posúen un sistema xeral de tres elementos que, prototipicamente, son no galego — e tamén no castelán (RIVAS ZANCARRÓN & GAVIÑO RODRÍGUEZ, 2009) — [o], [a], [e] (MONTEAGUDO, 2012; ÁLVAREZ & XOVE, 2002; FEIXÓ CID, 2004; FREIXEIRO MATO, 2006; VEIGA, 1976) e no PB [u], [a], [i] (BISOL, 2003; MONTEAGUDO, 2012). É dicir, que as medias sofreron un proceso de elevación (NARO, 1973), causado, parece, por un proceso de neutralización (CALLOU & LEITE, 2000). Vese, primeiramente, que comparten o elemento [a] e que posúen outros elementos bastante próximos, que son o [o] / [u] e o [e] / [i], sendo o primeiro ítem de cada parella pertencente ao galego e o segundo ao PB. Esta proximidade entre o galego e o portugués de Brasil móstrase evidente, o que non ocorre en relación ao PE, xa que non parecen rexistrar o enfraquecemento que atinxe o vocalismo átono final do portugués ibérico, pautado na evolución [a] > [ɐ] e [i] > [ɨ] (MONTEAGUDO, 2012; HRICSINA, 2013), nin moito menos unha redución tan abrupta que incluso fai que non se pronuncie a vocal e apenas se pronuncie a consoante que a antecede, o que ocorre no PE, segundo Garcia (2000).

Esta confluência entre o subsistema átono final nesas dúas línguas — ou sexa, entre o galego e o PB —, que ao principio parece apenas comprender o elemento [a], increméntase cando se leva en consideración que:

  1. hai dialectos do PB, como a fala da rexión máis meridional do país (sobre todo no Rio Grande do Sul1) que presentan realización das átonas finais idéntica a que ocorre no galego, coa tríade vocálica [o], [a], [e], o que, segundo Monteagudo (2012), máis do que unha influencia do castelán, podería ser unha influencia do galego;

  1. cando menos o segmento [i] en posición átona final rexistrábase no galego medieval con moita frecuencia, en diversas categorías de vocablos, tal como demonstra Mariño Paz (2009), aínda que houbese posteriormente unha case total adopción da forma [e];

  1. conforme as observacións de González (1983, p. 272), no galego, en case todo o seu territorio, hai certa tendencia para o pechamento das vogais átonas, converténdose o [e] en [i] e o [o] en [u], se non (aínda) en posición átona final, polo menos en posición pretónica inicial, como nas formas pineira e furmiga (frente a peneira e formiga). Partíndose da premisa dunha tendencia do galego ao pechamento das átonas, pódese pensar (aínda que de forma temeraria) que existan nalgunhas variedades do galego as unidades [i] e [u] átonas en posición final de palabra ou que poidan xurdir e xeneralizarse en épocas futuras nesta lingua. É interesante notar que Malvar Fernández (2006) encadra no subsistema vocálico átono final do galego o segmento [i] e o segmento intermedio [ʊ], o que parece corroborar (aínda que só parcialmente) o punto de vista que aquí se adopta.

Poderíase pensar que o proceso sinalado no item (iii) (cf. supra) non ocorreu aínda (ou non irá ocorrer ou volver ocorrer) a causa da influencia do castelán, que, no xeral, do seu sistema fonolóxico, conserva os elementos vocálicos finais prototípicos [o], [a], [e]. Pero ata que ponto o castelán sería un factor de conservación, se tamén tende, cando menos en rexistros coloquiais, á elevación das vogais finais, coa aparición dos segmentos [i] e [u], tal como aseveran Rivas Zancarrón & Gaviño Rodríguez (2009, p.30)? Estes estudosos chegan a afirmar que é unha tendencia dialectal ou de grupos sociais determinados o pechamento das vogais [o] e [e] finais en [i] e [u], como ocorre no castelán de Cantabria, en palabras como hoyu, lomu, lechi ou buitri (RIVAS ZANCARRÓN & GAVIÑO RODRÍGUEZ, 2009, p.30-31).

Algo interessante é que o fenómeno da elevación (ou pechamento) das vogais átonas finais [e] e [o], tanto en formas nominais como verbais, e que dá lugar a un sistema vocálico final [a], [i], [u], é unha tendencia xeral establecida tamén no leonés, sendo apenas modificada, recentemente, por influencia do castelán estándar, segundo as consideracións de García López (1998). Ao consultar os datos do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI), que recolle realizacións fonéticas vocabulares correspondentes, sobre todo aos años de 1931-1936, verifícase a ocorrencia do segmento [i] átono final en formas nominais terminadas en -e, como nas palabras aire e baile (e todas as súas variantes lingüísticas ou dialectales), non só para o galego2, senón tamén para o astur-leonés3 e para o castelán das zonas de Santander4, Salamanca5 e Cáceres6. O mesmo ocorre canto ao elemento átono final [u], que se rexistra en formas nominais rematadas en -o, como nos vocablos abrevadero e abuelo (e todas as súas variantes lingüísticas ou dialectales)7.

Como se ve, o fenómeno de alzamento/pechamento no subsistema vocálico átono final non é un proceso estraño ou anómalo nas linguas románicas ibéricas, aínda que sexa pouco estudado baixo un prisma comparativo. Nada máis razoable, por tanto, que adoptar unha postura descriptiva e teórica que leve en consideración o feito de que a cuestión enfocada parece ser máis complexa, esixindo unha profundización descriptiva e analítica pautada en corpora lingüísticos de dimensión e representación considerables, que abrangan tanto as variedades do galego como os varios dialectos do portugués brasileiro, do portugués europeu e, se for posible, cando menos do castelán peninsular.

Estas liñas, dada a brevidade deste estudo, non pretenderon máis que sinalar de forma superficial confluencias no nivel fonético-fonolóxico entre o galego e o portugués, incidindo sobre a realización das súas vogais átonas finais, cuxa elevación é un dos fenómenos de mudanza lingüística máis expresivos da historia do idioma lusitano, indubitablemente xa consolidada de forma plena nesa lingua a mediados do séc. XVIII (MAIA, 2013). Comparándose o PB co galego actuais, percíbese certa confluencia na materialización de tales segmentos sonoros, cando menos entre variedades rexionais destes dous idiomas.

Pódese soster a idea de que o portugués (sobre todo o do Brasil) e o galego manifestan diversos aspectos correlacionados o espellados, especialmente nos ámbitos morfolóxicos, léxicos e fonolóxicos. O vocalismo átono final parece encadrar como un destes aspectos. Corrobora este punto de vista o seguinte extracto de Monteagudo (2012, p.96): “[…] o portugués brasileiro presenta unha fasquía fonética relativamente conservadora en relación co europeo contemporáneo, sobre todo no referente ao tratamento do vocalismo átono, e neste punto […] (de gran relevancia no plano da facilitación da mutua intercomprensión entre os falantes no rexistro oral) galego e brasileiro fican relativamente máis próximos”.

Se hai un continuum cultural e lingüístico entre Galicia e Portugal, pódese afirmar, con xusta razón e pautándose na observación dos feitos de lingua, que tal continuum, dalgunha forma, prolóngase e comprende tamén o Brasil e a súa lingua, formando un espazo de confluencia e de cercanía, perceptible, sobre todo, entre o galego e o PB. Son necesarios, por conseguinte, novos traballos e novas miradas sobre estes dous sistemas lingüísticos, que tanta proximidade presentan entre si.

BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA E CITADA

ÁLVAREZ, R.; XOVE, X. (2002). Gramática galega. Vigo: Galaxia.

ÁLVAREZ, R. (1991). Comparación dos sistemas fonolóxicos do galego e do portugués. Actes du XVIIIè Congrès International de Linguistique et Philologie Romanes (Univ. de Trèves (Trier) 1986). III. Grammaire diachronique et histoire de la langue. Dialectologie et géographie linguistique. Textes non-littéraires. Dieter Kremer (Ed.), Tübingen: Max Niemeyer Verlag, p. 517-530.

BISOL, L. (2003). A neutralização das átonas. Letras, n.61, p.273-283.

CALLOU, D.; LEITE, Y. (2000). Iniciação à fonética e à fonologia. 7.ed. Rio de Janeiro: Jorge Zahar.

CONSEJO SUPERIOR DE INVESTIGACIONES CIENTÍFICAS. (1962). Atlas lingüístico de la Península Ibérica: Fonética. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Vol. I.

FEIXÓ CID, X. (2004). Gramática da lingua galega: síntese práctica. Vigo: Xerais.

FREIXEIRO MATO, X. R. (2006). Gramática da lingua galega: fonética e fonoloxía. 2.ed. Vigo: A Nosa Terra. Vol. I.

GARCIA, A. (2000). Fonologia do português lusitano. Cadernos do CNLF, série IV, n.05. Disponible en: http://www.filologia.org.br/anais/anais%20iv/civ05_64-67.html. Accedido o: 14 xul. 2014.

GARCÍA LÓPEZ, D. (1998). Las vogais medias finais en el leonés de La Carballeda. Argutorio, año 01, n.01. p.14-16.

GONZÁLEZ, M. (1983). O Atlas Lingüístico Galego: un paso adiante nos estudios da lingüística galega. Grial, tomo XXI, n.81.

HRICSINA, J. (2013). Evolução do sistema vocálico do latim clássico ao português moderno (tentativa da verificação in corpora). Études Romanes de Brno, n.34, v.02.

LAGARES, X. C. (2012). Galego-português-brasileiro: os desafios de uma perspectiva histórica integrada. In: Lagares, X. C.; Monteagudo, H. (Org.). Galego e português brasileiro: história, variação e mudança. Niterói: Editora da UFF. p.11-36.

LENZI, M. C.; BRENNER, T. de M. (2008). Análise das vogais postônicas finais [e] e [o] nos falantes do município de Doutor Pedrinho. Work. Pap. Linguist., n.09, v.01, p.55-62.

MAIA, C. (2013). O vocalismo átono na historia do português: contributos para a cronologia das mudanças. In: Álvarez, R. et al. Ao sabor do texto: estudos dedicados a Ivo Castro. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. p.335-354.

MALVAR FERNÁNDEZ, Paulo. (2006). Análise comparativa dos sistemas fonético-fonológicos do galego e do português: sugestões didácticas dirigidas a português-falantes para a aprendizagem do padrão oral galego. Revista AGÁLIA, n.85/86, p.89-114.

MARIÑO PAZ, Ramón. (2009). A vogal /i/ en posición átona final de palabra no galego medieval. Revista de Filología Románica, v.26, p.71-98.

MARTINS, A. M. (1999). Ainda «os mais antigos textos escritos em português». In: Faria, I. H. (Org.). Lindley Cintra. Homenagem ao Homem, ao Mestre e ao Cidadão. Lisboa: Cosmos – Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa. p.491-534.

MONTEAGUDO, H. (2012). Galego, portugués e brasileiro no tempo: achegas para unha diacronía comparada. In: Lagares, X. C.; Monteagudo, H. (Org.). Galego e português brasileiro: história, variação e mudança. Niterói: Editora da UFF. p.37-104.

NARO, A. (1973). Estudos diacrônicos. Petrópolis: Vozes.

RIVAS ZANCARRÓN, M.; GAVIÑO RODRÍGUEZ, V. (2009). Tendencias fonéticas en el español coloquial. Hildesheim: Georg Olms Verlag.

VEIGA, A. (1976). Fonología gallega. Valencia: Bello.

1Tamén en cidades do estado de Santa Catarina, como no municipio de Doutor Pedrinho, tal como é atestado por Lenzi & Brenner (2008).

2Nos puntos 108, 112 (A Coruña); 132, 135, 140, 142 (Pontevedra); 306, 308, 309, 310, 317 (Lugo) do ALPI (Mapas nº 14 e/ou 23).

3Nos puntos 326, 327, 328, 329 (León) e 305, 309, 311 e 313 (Oviedo) do ALPI (Mapas nº 14 e/ou 23).

4Nos puntos 407 e 408 do ALPI (Mapa nº 14).

5Nos puntos 361, 362, 363 e 364 do ALPI (Mapas nº 14 e/ou 23).

6No punto 367 do ALPI (Mapa nº 23).

7Con base nos Mapas nº 07 e 08 do ALPI, verifícase o [u] en posición átona final no galego de A Coruña (punto 106) e Lugo (punto 306); no astur-leonés de León (puntos 326, 327, 328, 329, 334) e de Oviedo (puntos 311, 313, 318, 319, 320, 322, 404) e no castelán cantábrico de Santander (puntos 400, 401, 402, 403, 405, 406, 407, 408, 409, 410).

Anúncios

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair / Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair / Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair / Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair / Alterar )

Conectando a %s