A periferia brasileira do s. XXI en Ferrez e Iolanda Zúñiga (II)

Noa Fernández Pazo

Leitora de Língua e Literatura Galega  na Universidade de São Paulo

[Segunda parte do trabalho publicado neste blogue. Pode consultar a primeira parte aqui. ]

  1. Iolanda Zúñiga: Periferia (2010)

Publicada en 2010 pola editorial Xerais e gañadora do Premio Xerais do mesmo ano, foi a primeira obra de Iolanda Zúñiga deste xénero. Así como ela ten afirmado nalgunhas entrevistas, non podemos dicir que esta obra se encadre plenamente no xénero da novela, porque a narración está baseada nunha mestura de materiais de diferente tipo, como titulares de prensa, letras musicais ou datos culturais, socioeconómicos ou políticos do Brasil, da metrópole paulistana e das periferias desta cidade, a causa do que é difícil dicir onde comeza a narración ficcional e onde o ensaio. A obra foi cualificada como o retrato das ruínas da cidade (MARTÍNEZ, 2010), das cinzas que deixa a destrución provocada pela maquinaria do capitalismo.

    1. O espazo

O espazo periférico descrito por Iolanda Zúñiga inscríbese dentro da metrópole de São Paulo. Unha cidade devastadora, inxusta, contraditoria case rozando a esquizofrenia. A imaxe dunha cidade partida onde a vida se torna difícil, sen embargo non pra todos, é dicir, cun centro da cidade que é o pulmón do desenvolvemento capitalista da América do Sur, e unhas áreas exteriores, que a pesar de ser unha fábrica de capital humano para ese desenvolvemento económico, son esquecidas polas institucións públicas.

É SP (…) Unha engranaxe labiríntica, económica e humana, perversa. Toda a cidade é um labirinto esconderijo, encruzilhada de ninguém com todo o mundo, pode tudo, fica nada. Apilada, desigual, mentireira (…).” (ZÚÑIGA, 2010, p. 48).

Son analizadas as mudanzas históricas da periferia, dende a década de 50 do s.XX até à actualidade, por medio do percorrido vital das súas personaxes principais, conforme analizado na primeira parte deste artigo. Sen embargo, para xustificar os elevados prezos alcanzados pola vivenda nestas zonas externas da cidade e a intervención do mercado é mencionado o factor da “seguridade”, é dicir, canto menos perigosa fose percibida a área pola sociedade, maior o valor dos inmobles. Entra entón aquí a falta de seguridade a facer parte da caracterización da periferia, pois é definida na novela de maneira xeral como altamente perigosa, facendo referencia á etiqueta de “Triángulo da morte”, para alén de estar sumida nunha precariedade absoluta, onde a dignidade e os afectos non teñen lugar.

Na favela Morro do Piolho vivir tamén doe. Ás veces, mata. No extremo sur da cidade, onde os distritos do Jardim Sao Luís, Campo Limpo e Capao Redondo conflúen, os habitantes aprenden a sublevarse antes de deixar de mamar. Chámano, o Triângulo da Morte.” (ZÚÑIGA, 2010, p.88).

O principal factor de inseguridade é vinculado á guerra entre policía e narcotraficantes, da que os moradores son as principais vítimas e que dá lugar a que a periferia sexa considerada o principal espazo de desenvolvemento de actividades criminosas e do narcotráfico, chegando mesmo a representar unha escola de deformación para as novas xeracións. En definitiva, “A periferia traballa. Ou rouba. Ou mata”. (ZÚÑIGA, 2010, p.74).

    1. Os moradores

No escenario analizado no punto anterior, os moradores retratados nesta novela están envolvidos de forma permanente nun ambiente de violencia do que dificilmente conseguen fuxir. De forma xeral, é posible observar unha división entre personaxes representantes da clase traballadora, maioritariamente formada polos inmigrantes que chegaron a São Paulo nas décadas de maior impulso industrial, e de personaxes-criminosos, grupo composto polas novas xeracións das que Luciana e Brown, os protagonistas, son paradigmas.

  1. Personaxes pertencentes á clase traballadora

Son apenas protagonistas do percorrido histórico que é feito sobre a formación da periferia, pero non teñen entidade propia no enredo. A violencia impregna tamén o día a día deste grupo como marca inherente ás súas historias familiares. Neste sentido son ilustradores relatos nos que os celos dentro dos matrimonios desatan agresións de todo tipo.

Mãe e padrasto atendíana do único xeito lícito que coñecían. Mas a mãe brindábase suculenta a apagar os lumes dos homes que a procuraban. O marido soubera do engano permanente e proxectara o mais perverso plan lastrado de odio que nunca se escoitara naquel perímetro da comunidade. Fora unha vinganza burda.” (ZÚÑIGA, 2010, p.122).

  1. Personaxes criminosos

Son os máis novos os principais integrantes deste grupo, que será o actor principal de gran parte dos episodios narrados. Estas novas xeracións están caracterizadas pola ausencia de ambicións laborais ou académicas e cun só obxectivo, gañar diñeiro de forma rápida e fácil. A falta de recursos é vinculada frecuentemente ao uso de drogas e da violencia como único camiño posible.

Os comezos foron doados. Porque cada mañá sentía a ambición escaldándolle a gorxa, tiña sede de medrar, afán por prosperar dentro de aquela comunidade com guión predestinado. (…) Luciana pensaba: do jeito que vai isto vô ficar rica rapidinho, logo vai ter neguinhos fazendo fila na porta da minha casa… estou começando como falcão e vô terminar comandante-em-chefe (…).” (ZÚÑIGA, 2010, p.132).

Sen embargo, non son simplemente os actos os que anuncian a ausencia de futuro, é tamén a voz narradora, apuntando en todo momento que non existe esperanza para estes mozos e, de feito, os axentes que representan o pólo positivo, aqueles preocupados co seu futuro ou coa súa formación, practicamente non teñen voz e, se apareceren nalgún momento, son presentados como elementos extraordinarios e moi pouco frecuentes dentro da comunidade: “De entre o batifondo nacente na liña 637A con dirección á Terminal Bandeira destaca un episodio atípico. Un moleque, que aínda non se barbea, le.” (ZÚÑIGA, 2010, p.20).

    1. A Violencia

Os axentes da violencia nesta novela son todos os moradores, as familias como víamos anteriormente, as redes de tráfico e os mozos que están dentro delas, así como tamén a policía e o Estado.

A UNESCO alertara de que a guerra amortallada que se desenvolvía nas periferias do país deixara no mesmo período de tempo, catro veces máis mortos que no conflito mediatizado palestino-israelí e superara en número de vítimas, nunha década, a vinte e tres conflitos armados do mundo.” (ZÚÑIGA, 2010, p.216).

  1. A violencia do tráfico de drogas

Os máis novos, e mesmo os nenos, son relacionados en todo momento á posesión de armas e á execución dunha violencia sen límites, moitos deles vinculados a grupos de maior alcance que o do espazo da periferia, asociando a actividade do tráfico de drogas con grupos como o PCC ou as FARC. En vista disto, convén tomar en conta que a vinculación da periferia con este tipo de grupos foi e continúa sendo utilizada con moita frecuencia para xustificar actuacións policiais nestes espazos que atentan contra os dereitos dos seus moradores e que teñen como consecuencia a degradación da súa imaxe así como a súa criminalización.

E porquenuncasesabeirmão, por dentro dos jeans pistolas autóctonas Taurus PT-92 calibre 9 mm e semiautomática Beretta 92-FS, tamén 9mm, e granadas de man arxentinas FM-K2 nos petos, innegables símbolos de status con alto valor disuasorio engadido. (…) Mais hai criaturas sedentas de ambición ás que tanto chumbo non lles sacia. Ansían unha Magnum-357 que exacule precoz, prohibida e prohibitiva, con balas de penetración profunda.” (ZÚÑIGA, 2010, p.220).

  1. Violencia policial

Ao lado da violencia exercida polos moradores, a policía aparece tamén na novela como axente de conflitos e brutalidade indiscriminada. Son relatados diversos episodios relacionados coas forzas de seguridade brasileiras como a ROTA e a Policía Militar, de São Paulo, ou o BOPE, do Rio de Janeiro.

  1. A violencia do sistema

Xunto coa policía, os medios de comunicación ou as políticas de Estado tamén son apuntados como xeradores de violencia social. É destacado o notable desinterese en relación á periferia por parte dos medios e dos poderes públicos, excepto cando acontece algún ato de relevancia política, como o caso dos coñecidos paseos do Papa Xoán Pablo II polo barrio do Vidigal do Rio de Janeiro en 1980. Un desinterese que por parte dos medios tamén acontece en relación á discriminación racial e laboral, feito que provoca un efecto alienador sobre a poboación da periferia.

A dicir verdade, ao lector poucas veces se lle informa das baixas humanas por asasinatos nas 1.565 favelas de São Paulo. A carne mais barata do mercado é a negra. Sen aviso previo, cadáveres negros obstrúen os camiños. A carne mais marcada pelo estado é a negra (…) 60% dos jovens de periferia sem antecedentes criminais já sofreram violência policial; a cada 4 pessoas mortas pela policia 3 são negras; nas universidades brasileiras apenas 2% dos alunos são negros; a cada 4 horas um jovem negro morre violentamente em São Paulo.” (ZÚÑIGA, 2010, p.86).

  1. Consideracións finais

Á vista do camiño que foi percorrido neste traballo é posible chegar a diferentes conclusións en relación á formación da periferia brasileira, especialmente da cidade de São Paulo, e da súa representación nas obras analizadas.

Quedou en evidencia que a conformación espacial e socioeconómica da periferia de São Paulo non foi simplemente resultado dun proceso de estruturación urbana sen planificación, senón ao contrario, é posible entender que foi tamén unha estratexia do Estado para o éxito e bo rendemento, dende o punto de vista económico, do proceso de industrialización iniciado na década de 30, que pretendía nun primeiro momento a acumulación dunha gran masa de forza traballadora ao mínimo custo, e posteriormente a explotación económica das terras ocupadas polos obreiros, transformando o dereito á vivenda nun produto de rendemento do capital.

A subida dos prezos dos terreos e das vivendas, xunto con políticas de creación de áreas residenciais para a clase media e alta, provocou a división socioeconómica e a homoxeneización dos espazos urbanos, quedando por un lado áreas constituídas por poboación de baixa renda que sufriron un importante abandono por parte das políticas públicas e, por outro lado, zonas pechadas por edificios de alta seguridade que recibiron de entidades públicas toda a infraestrutura necesaria para a súa manutención.

Durante a Ditadura, a percepción dos desequilibrios do investimento público nas áreas habitadas por poboación de baixa renda fronte ás de poboación de clase media e alta abre o camiño para a reacción popular, organizada nun primeiro momento en torno a movementos sociais e de barrio e posteriormente aliados con grupos políticos, co fin de reivindicar melloras nas condicións de habitación e implementación de infraestruturas, pero tamén facilidades no acceso á sanidade ou unha mellora salarial, entre outras. Sen embargo, co final da Ditadura e coa integración dos grupos políticos na estrutura do sistema democrático, os movementos sociais da periferia rompen as alianzas co sector político e inician unha reformulación que non pasa pola despolitización, senón por incorporar as artes como ferramentas de loita, entendidas como estratexias comunicativas e cun alto valor instrumental para as reivindicacións sociais e políticas das periferias.

Para alén do valor instrumental das reivindicacións, a combinación das loitas políticas coa creación artística permite tamén combater o imaxinario sobre a periferia deseñado especialmente na literatura e que foi construído por unha elite cultural, fixando diferentes estereotipos: nun primeiro momento, sustentando a imaxe do morador da periferia no mito brasileiro da convivencia pacífica e, posteriormente, presentando o espazo da periferia dentro dun contexto de confronto no que os moradores eran os principais axentes de violencia.

No final da década de 90 e inicio do s. XXI, aparecen diferentes movementos socioculturais promovidos por escritores da periferia como Ferréz, idealizador de 1daSul, ou Sérgio Vaz, responsable da Cooperifa, que van combinar o activismo cultural e o social co obxectivo de crear lazos entre o ámbito cultural e a poboación da periferia, historicamente distanciada do acceso a este tipo de bens, e que permitirían traballar en favor da autoestima dos moradores, fomentando o autocoñecemento a través da historia social e cultural das periferias e das clases populares brasileiras.

A produción literaria, vista como ferramenta básica para facer chegar a súa mensaxe fóra dos lindes da periferia, integrará os principios ideolóxicos destes movementos socioculturais, por un lado, colocando novas perspectivas sobre o espazo da periferia, novas personaxes vinculadas a ela, novos discursos en relación á realidade diaria das comunidades e, por outro, incluíndo unha finalidade pedagóxica fundamental que ten como propósito a formación da poboación, periférica ou non, como único camiño posible para a dignificación da colectividade. Esta creación literaria será incorporada aos procesos culturais, como editoriais ou premios, que anteriormente os excluíran, retomando a voz para elaborar un contradiscurso e pasando, polo tanto, de ser observada e medida segundo parámetros externos a ser a propia periferia quen crea e fai circular o seu discurso e o seu autorretrato, así como reelaborando a noción de cultura popular ao engadirlle un carácter social e espacial determinado coa creación de diferentes etiquetas como “literatura marxinal”, “literatura da periferia” ou “literatura periférica”, para rotular estas novas producións.

A novela Capão Pecado e a colección de textos Ninguém é inocente em São Paulo de Ferréz son reflexo deste novo enfoque e do uso da literatura como vehículo transmisor das propostas sociais e culturais dos movementos da periferia de São Paulo desta última década, diverxendo de forma importante coa visión do espazo, dos moradores e da violencia dada pola novela de Iolanda Zúñiga.

  1. O espazo da periferia

Mentres en Ferréz apenas encontramos un único espazo periférico delimitado pola distancia espacial e socioeconómica co centro urbano, en Iolanda Zúñiga encontramos dúas periferias, unha no propio centro da metrópole e a outra nas marxes.

En relación ao espazo periférico das contornas da cidade, en Periferia está caracterizado a través da imaxe dun ambiente absolutamente pechado, onde predomina a violencia e a falta de esperanza, mentres nas obras de Ferréz aparece un espazo co que os seus moradores establecen vínculos afectivos e identitarios. De forma mais concreta, en Ferréz non é o espazo da periferia o vinculado á falta de oportunidades, senón ao contrario, é na periferia onde as súas personaxes experimentan relacións de irmandade e solidariedade, así como onde tamén conflúen diferentes discursos e perspectivas de futuro, que finalmente son bloqueadas pola presión que exerce o outro espazo en confronto con ela, o centro, representante do sistema socioeconómico.

  1. Personaxes

O abano de personaxes presentados polos dous autores tamén contrasta dende o punto de vista da variedade representativa dos seus moradores. Mentres en Periferia a maior parte das personaxes se identifica con actividades vinculadas ao tráfico de drogas e ao crime organizado, unha imaxe que estende a sombra da criminalización sobre a comunidade periférica como colectivo, nas obras de Ferréz personaxes deste tipo únense a outras cun perfil ben diferente, como o da clase traballadora, existindo un equilibrio notable entre os dous tipos, que trae consigo unha multiplicidade de discursos que van dende un ollar crítico co papel de pasividade dos moradores diante da situación social na que viven acompañado de expectativas sobre a posibilidade de mudar esa realidade por medio da formación até outros discursos que representan a resignación e a renuncia a calquera tipo de activación política ou cultural dentro da comunidade. No caso de Periferia, predominan discursos en favor do lucro económico da forma máis rápida e a calquera prezo, dando a sensación de que ese raciocinio é o único posible debido ás condicións de precariedade ás que está sometida a periferia, podendo ser asumida, polo tanto, a falsa vinculación entre precariedade como causa e crime como resultado, unha relación que non encontramos en ningún momento nas obras de Ferréz. Ao contrario, o envolvemento en actividades criminosas dalgunhas personaxes das súas obras é explicado en base a unha falta de formación e de visión crítica, así como tamén a unha ambición económica producida por unha alienación social, cuxo principal responsable son os medios de comunicación.

  1. A violencia

As situacións de violencia descritas en Periferia son relacionadas con dous axentes principais, o sector envolvido no narcotráfico, que aplica un regulamento propio baseado na resolución dos conflitos por medio da violencia e os corpos de seguridade que exercen unha represión indiscriminada contra as poboacións de baixa renda baixo a xustificativa de terminar co tráfico de drogas, do que parte deles son partícipes.

Aínda que o sistema socioeconómico sexa apuntado tamén como axente de violencia e de discriminación, en Periferia o seu tratamento non deixa de ser só de modo contextual, sen atinxir un lugar tan destacado como en Capão Pecado e Ninguém é inocente em São Paulo, obras nas que, o sistema, xunto coa policía, é o principal culpado pola situación de violencia das periferias. As personaxes destas dúas obras viven de forma permanente baixo agresións laborais, clasistas e raciais cometidas polos representantes das clases privilexiadas e polas forzas de seguridade do Estado; de feito, en todo momento existen por parte das personaxes discursos críticos en relación a estas agresións e os seus axentes, que, de forma máis ou menos consciente, colocan á vista un conflito de clases.

En definitiva, Ferréz rompe co retrato das periferias que viña sendo habitual dentro da literatura, non só por ser os moradores dese espazo que, en palabras do autor, “mudamos o foco e tiramos nós mesmos a nossa foto” (FERRÉZ, 2005: 9), senón tamén por poñer enriba da mesa novas personaxes e un discurso crítico sobre a periferia, dende o punto de vista político e social, que diverxe de forma importante co discurso crítico tradicional, que poñía os ollos apenas nas consecuencias como a violencia ou a precariedade – do que é, nalgúns aspectos, continuadora a representación feita en Periferia – e nunca nas causas, é dicir, no sistema socioeconómico como causante principal desa precariedade así como da criminalización das clases populares.

Referencias bibliográficas

BENEVENUTO, S.J. A escrita como arma: uma análise do pensamento social na Literatura Marginal. 2010. Tese de Mestrado Faculdade de Filosofia e Ciências – Universidade Estadual Paulista “Júlio Mesquita Filho”, São Paulo, 2010.

FELTRAN, G.S. Vinte anos depois: a construção democrática brasileira vista da periferia de São Paulo, Lua Nova, São Paulo,  n.72 p.83-114, 2007.

FERRÉZ. Capão Pecado, Lisboa: Palavra, 2005.

FERRÉZ. Ninguém é inocente em São Paulo, Rio de Janeiro: Objetiva, 2006.

MARICATO, E. Metrópole na periferia do capitalismo- desigualdade, ilegalidade e violência, São Paulo, junho 1995. Disponível em: http://www.fau.usp.br/depprojeto/labhab/biblioteca/textos/maricato_metrperif.pdf. Acceso en: 15 de marzo de 2013.

MARQUES, L.A. Pacto em Capão Pecado: das margens para o centro do texto, do texto para o interior do homem. Tese de Mestrado – Faculdade de Filosofia, Letras e Ciências Humanas, USP, São Paulo, 2010.

MARTÍNEZ, I. As palabras en ruínas, Revista Protexta, Tempos Novos, nº16 p.5., outono de 2010.

NASCIMENTO, E.P. Vozes marginais na literatura, Rio de Janeiro: Coleção Tramas urbanas: 2009.

NICOLÁS, R. Iolanda Zúñiga: “Os tempos son chegados, tamén para a ficción”, Dispoñible en: http://xerais.blogaliza.org/2010/09/20/iolanda-zuniga-%C2%ABos-tempos-son-chegados-tamen-para-a-ficcion%C2%BB/. Acceso en: 14 de marzo de 2013.

OLIVEIRA, R.P. Literatura marginal: questionamentos à teoria literária, Ipotesi, v.15, n.2 – Especial, p. 31-39, Juiz de Fora, jul./dez 2011.

PEREIRA, E.R. Espaço Urbano e Violência na narrativa brasileira contemporânea, Revista Línguas & Letras, vol. 12, nº 22, p. 1-11, 2º Semestre de 2011.

REQUEIXO, A. Iolanda Zúñiga: Existe mundo alén dos clásicos da literatura universal que, a risco de caer en herexía, non me alimentaron máis que o cine, a música ou os videoxogos, Dispoñible en: http://blog.xerais.es/2013/iolanda-zuniga-existe-mundo-alen-dos-clasicos-da-literatura-universal-que-a-risco-de-caer-en-herexia-non-me-alimentaron-mais-que-o-cine-a-musica-ou-os-videoxogos/. Acceso en: 14 de marzo de 2013.

SANTOS, C.C. Capão Pecado e a construção do sujeito marginal, Tese de Mestrado – Faculdade de Filosofia, Letras e Ciências Humanas, USP, São Paulo, 2008.

SOUZA, R. O ‘caso ferréz’: um estudo sobre a nova literatura: um estudo sobre a nova literatura marginal, Tese de Mestrado, Faculdade de Ciências e Letras de Assis – Universidade Estadual Paulista “Júlio de Mesquita Filho”, São Paulo, 2010.

TANAKA, G.M.M. Periferia; conceito, práticas e discursos. Tese de Mestrado, Faculdade de Arquitetura e Urbanismo, USP, São Paulo, 2006.

TAPAJÓS, R. A luta do povo. Brasil 1980, 30’. Dispoñible en: http://www.videotecas.armazemmemoria.com.br/Video.aspx?videoteca=Mg==&v=MTIx. Acceso en: 2 de xuño de 2013.

VILLARINO PARDO. M.C A massa ainda comerá do biscoito fino que fabrico: entre a Semana de Arte Moderna e a Semana de Arte moderna da Periferia. In: RIBEIRO, E (Org.), Modernidades Comparadas: Estudos literários/Estudos culturais revisitados, Humus , p.161-172, Minho: Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho, 2013.

ZÚÑIGA, I. Periferia,Vigo: Xerais, 2010.

Anúncios

Uma consideração sobre “A periferia brasileira do s. XXI en Ferrez e Iolanda Zúñiga (II)”

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair / Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair / Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair / Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair / Alterar )

Conectando a %s