Otero Pedrayo no Rio de Janeiro

Otero Pedrayo é uma das grandes figuras da literatura e da cultura galega do século XX, e possivelmente um dos melhores narradores da nossa história literária.

No ano 1947 ele faz uma viagem desde a Galícia para América, começando na Galícia em Tui, em Portugal no Porto e Lisboa e já além-mar em Montevideu, Buenos Aires… e também chega ao Rio de Janeiro. Deixamos aqui o que ele escreve sobre a cidade que encontrou no ano 47, e que se publicou posteriormente em livro baixo o título Polos vieiros da saudade. Celebramos assim, neste 17 de Maio, o Dia das Letras Galegas.

Rio de Janeiro

Bairro da Glória, Rio de Janeiro, 1947
Bairro da Glória, Rio de Janeiro, 1947

No Rio non sabemos si a néboa é alento da cor ou ela mesma a cor, a neboeira quente e doce, de tocar dondo, de folla, de froito, gostada nos beizos.

A bahía e a cidade teñen sido reflexadas por moitos viaxeiros. Nos países novos o tópico fai máis dano. No vello Mundo os modelos gardan desdéns e ironías para os vaidosos reflexos. O “academicismo” da vivencia estética e as dexeneracións da propaganda de Rio, facíannos pensar en dous problemas. A xustificación do tópico e o “academicismo” nas Américas.

Nós, ó ir e voltar, tivemos en Río o noviciado dunha vivencia pura da cor e das esencias cósmicas do calor e da luz en estaxe teoricamente inicial, gardando en sono “in potentia” a paleta dos grandes mestres e unha inocencia de materia da Estética denantes de ser traballada. Nun tempo ideal que pode ser o cumio do intelectualismo e por iso devalar no hialino vapor e néboa agarimosa da intuición.

Os fumes, algún feio mercante, un castelo no roquedo, lixaban o sedán tecido, mancaban a fina pel de cor. Íase establecemendo a ronda de fadas das arquitecturas dos pãos de sucre, e os píncaros en levían rubir de finas curvas, agromada da pedra un ordre de espazos impostos polos píncaros de luz cristalizada no agromar en estaxes de cor.

Só ó chegarmos ó peirao voltamos ó tempo da historia e da forma, coa neboeira quente do portugués e a grave presenza dos negros. Grave no senso de achegamento e pesadume case telúrica. A melanina fai dos homes de raza mellor, estratos de humos. “Humus”, humano. No Brasil ten África a súa liberación. As dúas masas continentais afondan en case parellas fonduras xeolóxicas. Entrambos misterios de tempo planetario, nos alicerces encobertos pola escura e podente vexetación da selva ecuatorial.

Cos negros entrou no Brasil o traballo, denantes cos portugueses a vivencia do ecuador por home branco e a tradución en formas de arte do tema do bosque, da fartura, do terror cósmico.

No Rio as artes portuguesas falan barroco. Leva a sona do barroquismo brasileiro, Bahia. Pero Rio mostra nos pazos e nas igrexas un respectuoso criterio para a cor. Impón o ouro, multiplica os seus reflexos, amesta as formas decorativas.

No café había para nós unha lonxana e amábel simpatía do Rocío: o falar portugués máis maino, coa ricaz dispaciosidade das augas grasas dos ríos dalgunhas falas americanas envolvía ós negros, algúns negros fumadores de cachimba. O negro de pendelongues no chileque, respeitoso traxe negro, cabelo aborrallado, só cos seus pensamentos na mesa do recanto; home de autoridade, amolecido na vellez, figuraba mal disposto para un fato de outros negros e algúns brancos axuntados e barullando en mesa grande. Falou o vello co mozo, e alongáballe a propina murmurando: “eses… son uns valentes!”, o ton dunha dozura triste.

Unha igrexa, perto do mercado das flores, adormecía coas celosías pechadas. Dentro, os ouros ían amencendo, devotiños, amodiño, conforme se descobrían as penduradas trubas. Os órganos axitábanse como grandes e ricos exvotos, cecáis regalos do vento. Hai a carón algúns balconciños dourados, xeitosos, bos para o recatado locimento e a exemplar devoción dunha morgadinha de quince anos.

Cantigaban as horas canónicas fermosos paxaros do Brasil en gaiolas como tecidas en figuranza das pingas. Eles falaban á morgadinha como a unha grande flor, amiga do levián peteirar dos paxaros xogantís.

Noutra ocasión temos falado da Rúa do Ouvidor. Estralos de seda, brilar de pedras finas e de ouros, recendos de flores. Tendas pequeneiras, xeitosas, comercio e trato case na rúa en cuxo espazo deitan as tendas ou prometen as súas riquezas. As mulleres na rúa do Ouvidor senten no corpo mesmo a chamada das cousas fermosas, do belido luxo, e camiñan randeando finamente -as brancas, as mestizas, as estranxeiras, as mulatas, as negras- as súas figuras no ambiente de bazar e exposición da rúa fina e vella, sen coches nin tranvías; aplausadas polo soar sedán, admiradas no cerne da vila, onde semellan tamén outas e leviáns ou preguizosas flores.

Sabemos da forza moderna, do rexo e claro pulo do Brasil en loita coa súa propia riqueza, en polémica da intelixencia -cecais a paisaxe, aireado “parque” co senso do bosque- co imperio vexetal. Orde, luz, nos degraus do cósmico ordenamento das masas verdes, da cor cada día anovada na quente atmósfera. Tampouco é de arestora no Brasil o pulo dunha política e economía intelixente. Os “paraísos” van sendo mitos sen o traballo. Mais calquera programa económico ten de recoñecer, en primeiro, a riqueza e título do Brasil.

As cidades alumiadas continúan a súa historia. Naquela latitude significa a conquista dun clima. Por estaxes, debuxando as curvas de nivel, a vella cidade portuguesa e decimonónica vai aniñando nos roquedos. Era como unha cidade enterrada no cerne duns podentes feitizos. Co engádego de Copacabana vaise alonxando o senso da verdadeira paisaxe do Rio. Pois alí en Honolulú, en Lobito, a xente non procura o disfrute respectuoso e harmónico de perfeita conxunción de procesos e formas en que consiste unha paisaxe escolleita. Quérese vivir cada forma e cada proceso para estrañalo no problema e no misterio do ser de cada un. O sol e a súa enerxía, as radiacións, as cores “terapéuticas” ou aquecedoras ou que ían esquencer o tempo non mesurado das áreas, a forma do horizonte, a luz. Vivir procesos e ritmos para fortecer os procesos e os ritmos do corpo e do espirito na tubra ulente e mesta de lembrazas e silencios, aneis de silencio e luces en grinaldas de constelación. Cecais unha zona non desemellante a aquil pousar da noite sobre a cor, do devalar atlántico no arquexado altentar do peito do Brasil, na bahía de Rio adormecendo a luz, ensoando a cor.

Don Ramón Otero Pedrayo

Anúncios

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair / Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair / Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair / Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair / Alterar )

Conectando a %s