Os Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca: tradución cultural e intercomprensión lingüística

Francisco Javier Calvo del Olmo

Professor no Departamento de Letras Estrangeiras Modernas na Universidade Federal do Paraná

O noso traballo aborda de maneira monográfica os Seis Poemas Galegos escritos por Federico García Lorca entre 1932 e 1934 como homenaxe á paisaxe e á lingua da Galiza, e publicados en 1935 en Santiago de Compostela pola Editora Nós. Partimos do campo teórico dos Estudos da Tradución na súa interface cos Estudos Culturais para analizar o proceso de elaboración artística da obra, entendida como unha serie de traducións sucesivas. A atracción que o poeta andaluz sentiu por Galiza, terra que visitou en catro ocasións, inspirou os poemas; pero a composición en lingua galega aconteceu baixo a influencia de dous amigos de Lorca: o ferrolán Ernesto Pérez Guerra e o ourensán Eduardo Blanco Amor, quen prologou a primeira edición dos mesmos. Após contextualizar a composición e o contido, buscamos inscribir eses poemas no ámbito da literatura galega, non como produción allea, senón como obra que participa plenamente da tradición literaria da Galiza. A lectura destes poemas permite revelar un espazo literario compartido entre as linguas románicas, aberto á intercomprensión e á hibridación cultural. Un espazo poético que non precisa pasar pola padronización da súa linguaxe nin pola focalización nun ámbito lingüístico e cultural unívoco. Esperamos trazar, desta forma, un marco de tradución dende o galego e para o galego, válido tamén para outros textos no contexto actual da lingua.

1. O proceso de creación dos Seis Poemas Galegos e a súa publicación.

Entre 1932 e 1934, Federico García Lorca compuxo seis poemas en lingua galega titulados Madrigal á cibdá de Santiago, Romaxe de Nosa Señora da Barca, Cántiga do neno da tenda, Noiturno do adolescente morto, Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta e Danza da lúa en Santiago. Os Seis Poemas Galegos (en adiante SPG) apareceran publicados no dia 27 de decembro de 1935 pola Editora Nós, no volume LXXIII da homónima revista, baixo a dirección de Ánxel Casal, en Santiago de Compostela. García Lorca, nado nunha pequena localidade andaluza, Fuente Vaqueros, desenvolveu toda a súa produción poética na súa lingua materna: o castelán; aínda que, se cadra, tivese algún coñecemento doutras linguas europeas1. Así, esas seis composicións ocupan unha posición particular dentro da produción lorquiana por estaren escritas en galego e non en castelán.

Staiger (1975, p. 22) afirma que “o valor dos versos líricos é justamente essa unidade entre a significação das palavras e a sua música”; parece así tarefa complicada que un poeta se lance a escribir nunha lingua allea. A composición debe obedecer, por tanto, a unha vontade firme, realizada seguindo un proceso non exento de dificultade, desde a idea primordial do poema na mente (hispano falante) do escritor até a súa forma definitiva en galego. Eduardo Blanco Amor, quen tivo unha intervención crucial nese proceso de composición, non deixaba de admirarse ao se preguntar como o andaluz Federico atangueu unha expresión poética de tan alto nivel nunha lingua que non era a súa. Boa parte da produción poética (e tamén dramática) de Lorca sintetiza e reformula a tradición popular da súa Andalucía natal. En contraste, os SPG recrean a Galiza como terra das paisaxes verdes, dos matices da chuvia e do neboeiro, das cidades de musgo e pedra e do océano bravío. Motivos que nos SPG adquiren unha dimensión mítica. O propio Lorca definiu a lingua galega como “fala de luces grises, deshuesada” fronte ao “resplandor hiriente”, ao “idioma tigre” con que el definía a súa voz en español.

Así, para realizar a homenaxe que o granadino se propuña facer á Galiza, cumpriulle aprender a lingua do país, pulila dos inevitábeis castelanismos, adaptar a propia voz a ritmos e sons diferentes preservando a súa identidade indiscutibelmente lorquiana. Dese modo, o proceso de creación non pode ser entendido como algo automático e debemos considerar os fins que levaron ao poeta a escoller o galego, cales foron os factores e os actores que o acompañaron e, por último, se estas seis composicións continúan unha tradición lírica en lingua galega ou se, polo contrario, penetran como un corpo estraño, como se fosen literatura traducida pertencente a outra tradición cultural, lingüística e literaria2.

En primeiro lugar, cabe dicir que a ligazón de Lorca coa Galiza non se debe á ascendencia familiar, mais xorde da experiencia persoal, das viaxes que realizou a esta terra e dos encontros que na Galiza ou algures tivo coas súas xentes, co seu idioma e máis coa súa cultura. Non é posíbel aquí, por causa da extensión, alongarnos na exposición e análise das viaxes e das trocas entre o poeta granadino e a Galiza e só apuntaremos algúns dos fatos que os bibliógrafos de Lorca habitualmente destacan3. Os primeiros contactos do poeta con esa terra remóntanse a 1916, Federico, daquela moi mozo, visita o país por primeira vez; no ano seguinte, en 1917, ingresa na Residencia de Estudiantes de Madrid onde coñece a Xesús Bal e Gay, musicólogo galego da Residencia interesado no estudo da etnografía e do folclore. A partir desa relación, Lorca achégase á música popular galega e, de feito, incorpora cantigas de Afonso X no repertorio dos concertos que ofrecía na casa familiar de Granada pola festa de Reis4. Por outra banda, Federico era admirador de Rosalía de Castro, tamén lera a poesía de Pondal e de Curros Enríquez e amais coñecía os clásicos portugueses Gil Vicente, Sá de Miranda e Camões. Alén diso, na súa conferencia sobre Góngora de 1926, fixo referencia aos tres cancioneiros que recollen a meirande parte da lírica medieval conservada: o Cancioneiro da Vaticana, o Cancioneiro Colocci-Brancuti e o Cancioneiro de Ajuda. En 1928, un Lorca que está atinxindo a súa plenitude como escritor e intelectual dedica unha conferencia ás cancións de berce, onde menciona a presenza de innúmeras músicas de procedencia galega e asturiana en Granada, herdanza da colonización da Serra das Alpujarras, ao final da Reconquista. En suma, a tradición literaria popular e culta escrita en galego e en portugués en varias épocas históricas contribuíu na formación intelectual de García Lorca como demostran as referencias que a ela fixo en diversas ocasións.

Com a bagaxe cultural que brevemente esbozamos, Federico realiza tres viaxes à Galiza durante o ano de 1932. A primeira, que corresponde á súa segunda visita, é feita por petición dos Comités de Cooperación Intelectual da República. A segunda vez, ou terceira visita, acontece en agosto; nese momento, vai como director do grupo de teatro La Barraca. Finalmente, o granadino retorna por terceira vez, na cuarta visita, en novembro; chega no dia 19 á cidade de Pontevedra e de novo participa en conferencias e reunións coa xuventude intelectual do país. Pérez Rodríguez (1998) engade unha quinta visita de Lorca á Galiza, non á Galiza peninsular, senón á Galiza da diáspora, dos emigrantes que vivían a ambas as marxes do Río da Prata cos que o poeta andaluz tivo oportunidade de conversar por mor da súa viaxe a Bos Aires e Montevideo en 19335. Alén das mencionadas experiencias, o poeta de Fuente Vaqueros coñeceu toda unha xeración de destacados escritores e artistas galegos coma Álvaro Cunqueiro, Feliciano Rolán, Arturo Cuadrado, os irmáns Dieste, Luís Seoane, Carlos Martínez Barbeito, Suárez Picallo e Castelao.

Ora ben, o proceso de escritura dos poemas recibe a influencia fundamental de dous amigos de Lorca: Ernesto Pérez Guerra (Ernesto Guerra da Cal), e o xa citado Eduardo Blanco Amor. En principio, semella que o desexo de escribir unha poesía dedicada á cidade de Santiago de Compostela xurdiu na mente de Federico durante a súa terceira viaxe a Galiza, cando foi con La Barraca no verán de 1932. Segundo Gibson (1998), non parece que pensase facelo en galego pero, ao volver a Madrid, falou do asunto co Ernesto Pérez Guerra, tamén poeta, nacendo daquela a idea de compor xuntos un poema na lingua da cidade visitada. Anos máis tarde, Blanco Amor reiteraba a influencia que Ernesto, asumido nacionalista galego, exerceu sobre Federico. Pérez Rodríguez (1998, p. 80) di que Ernesto se deixaba acompañar habitualmente polo tamén galego Serafín Ferro e que, nese contexto, Lorca escoitou as conversas dos dous. Podemos considerar como hipótese que por esa vía entraron os sons, descoñecidos e doces, dese idioma no entorno madrileño de Federico. En todo caso, o primeiro dos seis poemas, Madrigal á cibdá de Santiago, aparece publicado pola revista Yunque  no número de decembro de 1932. No ano seguinte, 1933, o propio Ernesto Pérez Guerra presentou Lorca a Eduardo Blanco Amor, que daquela traballaba como correspondente en Madrid do xornal arxentino La Nación.

Após a viaxe á Arxentina, Lorca retomou a composición destes poemas coa colaboración de Pérez Guerra, tarefa que se viu interrompida pola redacción de Llanto por Ignacio Sánchez Mejías. Ao final de outubro de 1934, os cinco poemas engadidos ao Madrigal á cibdá de Santiago estaban prontos e, así, durante a primavera de 1935, un tenaz Blanco Amor consegue que Lorca lle entregue os manuscritos; cabe dicir, escritos con letra de Ernesto Pérez Guerra, xunto ao recorte de xornal do Madrigal á cibdá de Santiago. Blanco Amor interveu na edición dos seis poemas facendo a revisión ortográfica dos mesmos, a corrección de certos castelanismos e algunhas outras modificacións nos títulos; alteracións que o andaluz aceitou. Na súa tarefa, o escritor ourensán tamén suprimiu a dedicatoria da Cantiga de neno da tenda a Ernesto Pérez Guerra, do cal tampouco se menciona a participación. Alén diso, Eduardo escribiu o prólogo para a primeira edición onde relata como chegaron até el os seis poemas 6: Federico García Lorca me llegó, un día cualquiera de nuestra amistad, con un puñado de versos gallegos. Todavía traían en lo tierno de su blandor recién modelado, el movimiento arbitrario de una grafía nerviosa de tachones, curvas y añadidos.” E explica cal foi o mandato que Lorca lle deixou: “Debes ser tú, por lo tanto, quien ordenes éstos y quien los edite y quien los prologue. Y ya está. Y ya se acabó. Y no me hables más de esto hasta que me traigas el libro”. Dando continuidade ao prólogo, Blanco Amor cualifica os poemas non de “versos eruditos elaborados, por virtuosismo y presunción, en lengua prestada,” senón “tan naturales, tan irremediables y tan ‘inspirados’ como los que le saen en su idioma de siempre”. Tamén fala da calidade do galego como lingua de cultivo lírico e da inmensa capacidade artística de Lorca, unha voz fresca e espida de pedantismo que lle permitiu penetrar “en el paisaje espiritual [gallego], que es la saudade” así como “en el paisaje de nuestro pasado, que son las ciudades santas”. Finalmente a publicación dos poemas foi anunciada pola revista Nós, no seu número correspondente a maio-xuño de 1935, entre as “novas obras publicadas” pola editora.

Como escritor alófono, Lorca non é o primeiro a usar o galego para compor lírica senón que retoma unha tradición peninsular común durante o Medievo. Asunto ao que Blanco Amor dedica a última parte do prólogo dos Seis Poemas Galegos:

En el siglo XV un castellano, El Marqués de Santillana, escribía al Condestable de Portugal una carta de información literaria. Y en ella: «No ha mucho tiempo cualesquier dezidores e trovadores de estas partes, agora fuesen castellanos, andaluces o de la Extremadura, todas sus obras componían en lengua galaica o portuguesa». Y terminando el XVI un sevillano, Argote de Molina, continuaba: «Si a alguno le pareciera que Macías era portugués, esté advertido que hasta los tiempos de Enrique III todas las coplas se hacían comúnmente en lengua gallega». Y en el XIX Menéndez y Pelayo, concluía: «No se puede desconocer que el primitivo instrumento del lirismo peninsular, no fue la lengua castellana, ni la catalana tampoco, sino la gallega que, indiferentemente para el caso, (en aquella época eran la misma) podemos llamar gallega o portuguesa». Los Cancioneros todos, desde el de Resende hasta el de Baena, que es el de divisoria o deslinde, están llenos de poetas de otras tierras y lenguas –el Rey don Alfonso, el propio Santillana, Villasandino– que usaron con amorosa afición la de Galicia. Federico García Lorca viene a ella con la gravitación natural de otros grandes de otros tiempos. (BLANCO AMOR, Apud, PÉREZ RODRÍGUEZ, 1998, p. 148)

Existe unha relación máis estreita entre a lírica de Federico García Lorca e a tradición poética galega moderna, encarnada na súa máxima figura, Rosalía de Castro. Tanto un como a outra compartiron un interese polas voces populares; Cantares Gallegos de Rosalía está impregnado das tradicións da súa terra de forma, en certa medida análoga, ao ambiente e tradicións da Andalucía que transpira o Romancero gitano. A influencia desa tradición é forte tamén nos seis poemas:

Lorca, nestas cantigas, segue fundamentalmente o ronsel dos Cancioneiros e de Rosalía de Castro. Os santuarios e as romarías (pretexto e contexto para o encontro dos amantes), preto do mar (as nosas barcarolas), son reelaborados poeticamente polo bardo granadino. (Pérez rodríguez, 1998, p. 158)

No nivel formal, os Seis Poemas Galegos presentan similar extensión (entre os quince e trinta versos aproximadamente) e estruturas métricas tradicionais. Lorca non recorre ao verso libre da súa época de Nova York e prefire empregar esquemas de repetición e estruturas paralelísticas. Así, por exemplo, na Danza da lúa hai un diálogo dunha meniña coa súa nai, motivo común nas cantigas de amigo medievais. E con esa mesma palabra –amiga– o poeta interpela a Rosalía de Castro morta para que volva á vida: “Érguete miña amiga!”, no poema que lle dedica.

Verbo dos temas desas composicións, Lorca inicia e fecha a serie de poemas con dúas homenaxes á cidade de Santiago de Compostela. No primeiro, Madrigal á cibdá de Santiago, as pedras milenarias da cidade deséñase baixo a chuvia de maneira case impresionista. O segundo, Romaxe de Nosa Señora da Barca, canta unha das romarías máis tradicionais do país; tema de carácter popular, anteriormente abordado por Rosalía7. O terceiro, a Cantiga do neno da tenda capta a imaxe da Galiza na diáspora, situando a epopea da emigración no espazo concreto da rúa Esmeralda, onde traballa un emigrante galego, Ramón Sismundi, que, na súa saudade da terra, ouve a gaita e o son da muiñeira d’ágoa, entoado polas augas do Río da Prata. Os tres últimos poemas traen como tema central a morte e o sobrenatural. No Noiturno do adolescente morto, o río Sil leva o adolescente afogado cara ao mar, cara á morte definitiva. Na Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta, Lorca dedica á poeta que el admira unha canción de berce. Por fin, no sexto, a Danza da lúa en Santiago, a lúa, elemento fundamental na poética lorquiana habitualmente asociada coa morte, baila na praza da Quintana, do lado da Catedral, onde La Barraca representou as pezas teatrais na súa pasaxe pola cidade.

Os SPG permiten múltiples liñas de análise que, certamente, non se esgotan no breve espazo que lle dedicamos neste traballo. A nosa intención era apenas salientar como Federico García Lorca bebe da tradición poética galega para compor unha serie de poemas que se insiren nela sen violentala e sen que o poeta perda a súa identidade. Xulgamos que nesas pezas o poeta andaluz aborda e recrea temas, motivos e formas propios da literatura galega aos que adapta a propia voz nun proceso creativo híbrido. A integración plena dos SPG na esfera cultural da Galiza prodúcese progresivamente cando xeracións posteriores de escritores e escritoras, de artistas, de críticos e de pescudadores os adopten no marco desa tradición poética.

Unha vez esbozado o contido da obra e o seu encadramento no ámbito literario galego, dedicaremos a segunda parte do traballo a expor as posibilidades de lectura e tradución dos poemas no vasto ámbito das linguas, culturas e literaturas que integra a Lusofonía.

2. Ler e escribir obras en galego na esfera da Lusofonía.

Nas últimas décadas do século XX, desenvolvéronse organizacións de cooperación internacional que tomaron a lingua como patria común dos países e pobos que as integran; a Francophonie e a Commonwealth serven como exemplos. Como Tabucchi apuntou verbo da Lusofonía, estas organizacións poden responder a proxectos neocoloniais “pelo fato de o país, tendo perdido o seu império e as suas colônias, encontrar nela ‘terreno fértil para uma invenção meta-histórica como esta, que funciona como sucedâneo, no imaginário coletivo’” (CRISTOVÃO, 2005, p. 654). Para alén de críticas como esa, é posíbel presentar a Lusofonía como unha “esfera de comunicação e de compreensão determinada pelo uso da língua portuguesa,” (CRISTOVÃO, 2005, p. 654), “uma realidade em crescimento todos os dias, a partir daquilo que, em qualquer fonia, é básico e essencial: a comunicação e o diálogo, que aproximam as pessoas e as instituições” (ibid., p. 652). Este continente inmaterial localízase nos varios continentes do globo:

Os oitos países que têm o português com sua língua materna, oficial ou de patrimônio (Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné, Moçambique, Portugal, São Tomé e Príncipe e Timor) e regiões que pertencem a outros países e culturas, mas com as quais partilhamos ou partilhámos a Língua e a História. Embora em situações diversas, e em inúmeros lugares da diáspora, falam ou falaram português, suas variedades ou crioulos, a Galiza, Casamansa (no Senegal), Ilha de Ano Bom, Ajudá (no Benim), Goa, Damão, Diu, Mangalor, Mahé, Fort Cochim, Tellicherry, Chaul, Korlai, Coromandel. (CRISTOVÃO, 2005, p. 654)

A Galiza e a súa lingua ocupan unha posición particular dentro deste ámbito lingüístico e cultural xa que logo foi alí (xunto co norte de Portugal, até o río Mondego) onde se formou a lingua. Porén, nese territorio a evolución dos usos do galego, vinculados ás vicisitudes históricas do país, sufriu a presión dunha lingua veciña: o castelán8. A partir do século XVI, os gramáticos portugueses xulgaron os falares galegos arcaicos e provinciais. “É assim é que o galego, que nas origens da língua tanto contribuiu para definir a norma literária, veio a encontrar-se no polo oposto desta mesma norma. A rusticidade da Galícia opõe-se, agora, à urbanidade de Lisboa” (Teyssier, 2007, p.34). É necesario considerar que daquela Portugal vivía un período de expansión colonial e de consolidación como reino independente que debía se lexitimar e afirmar a súa identidade e “o caráter, independente e soberano da ‘língua portuguesa’, (…) sem vínculo com o galego, pobre linguajar entregue à própria sorte como falar regional, submerso numa permanente diglossia, relegado aos usos menos prestigiados” (BAGNO, 2012, p.37-38). Actualmente, os termos portugués e galego identifican dúas linguas; unha e outra diferenciadas principalmente por factores socioculturais e históricos. Posner (1998, p. 257) trae a distinción que a sociolingüística fai entre lingua Abstand e de la lingua Ausbau para demarcar unha separación na esfera das linguas neolatinas:

Aunque los dialectos locales y similares puedan ser considerados también “lenguas históricas”, sería útil distinguir el exclusivista “club” románico, formado por las lenguas nacionales y literarias, de la numerosa “familia” románica, con sus prolíficas ramificaciones, que se extienden desde la unidad nuclear, que vive en el sur de Europa, hasta los miembros más lejanos de la familia, fruto de la emigración a los límites de los antiguos imperios. (POSNER, 1998, p. 67)

Consideramos que a proposta da autora expresa unha concepción xerárquica das linguas: aínda que todas procedan do latín, só aquelas que atangueron prestixio cultural e político, fundamentalmente as linguas nacionais, poden pertencer ao club. Dese modo, estabelece unha distinción entre a Romania Maior, correspondente ao club románico, e a Romania Minor, conxunto da ampla familia de linguas, dialectos e falares espallada polos cinco continentes; cada membro da familia gozaría dun grao de codificación, historicidade e vitalidade diferente. O portugués, como lingua internacional, adscríbese á Romania Maior en canto o galego, cooficial na Galiza desde 1981, entra na Romania Minor. A diferenza entre un e outro é metalingüística e a fronteira ven trazada, en grande medida, polos “domínios de uso de determinada ortografia e gramática normativa, ou seja, às línguas padrão” (FINBOW, 2011, p. 96).

Fronte a esta separación de natureza política, cultural, económica e ideolóxica, e sen negar o impacto deses procesos históricos, o Premio Nobel de Literatura José Saramago defendeu que “não existe uma só língua portuguesa, mas sim, várias línguas em português”. Idea moi suxestiva que non deixa de ser a formulación literaria do concepto de linguas pluripolares, aquelas que reúnen variedades históricas, xeográficas e sociais non necesariamente intelixíbeis9. Bagno (2012, p. 39) utiliza a etiqueta portugalego para se referir a ese grupo.

O galego, ou se se prefire a variante do grupo portugalego falada na Galiza, encontrase hoxe nunha situación de conflito lingüístico, ameazado pola concorrencia co castelán que se impón nas cidades e entre as xeracións máis novas. Nese contexto, o uso normativo da lingua tórnase unha cuestión fundamental e a produción dunha norma para a lingua da Galiza ocupa unha posición central nos debates académicos e tamén na sociedade civil:

A norma é ela própria motivo de incontáveis conflitos, pois o processo de elaboração linguística diz respeito à identidade da língua, à sua continuidade histórica, à sua possibilidade de existir como realidade diferenciada ou como variedade reconhecida de alguma outra língua, à delimitação, enfim, do sue espaço de ação de sua área de influência. (LAGARES, 2011, p.173)

Conscientes da importancia de apertar os lazos lusófonos para fortalecer o galego todos os proxectos de padronización tomaron como referencia o portugués en diversos graos “quer como padrão ortográfico ou como modelo (certamente indefinido) de ‘língua culta’ (…), quer como referência constante na elaboração de terminologias ou na adopção de padrões morfológicos” (LAGARES, 2011, p.189). E, de feito, a Real Academia da Lingua Galega (RAG) avoga nas súas Normas Ortográficas e morfolóxicas do idioma galego por “unha lingua común asentada na fala, mais depurada de castelanismos, supradialectal, enraizada na tradición, coherente e harmónica coas demais linguas de cultura” (RAG, 2005, p.6). Con ese obxectivo cómpre, por unha banda, fuxir da dependencia do castelán e, por outra, non recorrer nin ao arcaísmo nin á hipercaracterización do idioma; o portugués serve como mediador entre eses dous extremos.

Após a nosa exposición sucinta da normativización da lingua na Galiza e as súas principais dificultades, habemos de lembrar que os SPG foron compostos décadas antes da normativización. Tamén non debemos esquecer, como xa dixemos, que Federico García Lorca non era falante de ningunha variedade de portugalego, mais un escritor andaluz que optou por empregar o galego para compor seis poemas levado polos factores examinados no epígrafe precedente. Nesta altura, cabe presentar a Lusografía definida como “o espaço escrito da língua portuguesa. Escrito, ou seja, não falado como o de Lusofonia, ao qual se não opõe, mas do qual se distingue” (Cristóvão, 2005, p.656). Aquí é relevante distinguir entre a lingua escrita e a lingua falada por teren usos non enteiramente coincidentes. Lorca foi un poeta lusógrafo sen ser un poeta lusófono; foi un escritor en galego sen necesariamente ser falante efectivo deste idioma. Por outra banda, “há de fato duas lusografias: a que é obrigatória, política, administrativa, e uma outra, bem diferente, que corresponde a uma escolha” (Cristóvão, 2005, p.656). , Na segunda, por tanto, é onde se encadra o traballo de Federico.

Se asumimos os dous axiomas, presentados en cadanseu epígrafe, que, primeiro, os SPG pertencen a tradición poética e literaria do galego e que, segundo, ese ámbito lingüístico e cultural participa da Lusofonía (entendida como conxunto de polisistemas10 de lingua e cultura portugalegose non vinculada necesariamente a un proxecto político), os SPG intégraranse no patrimonio lusógrafo, nos “milhões de textos, um sem-número de palavras, escritos em língua portuguesa desde a noite dos tempos, em Portugal, nos espaços colonizados, lusitanizados, o mesmo é dizer, o mundo inteiro” (Cristóvão, 2005, p.656). Como escritor lusógrafo, Lorca permite unha lectura directa polo público letrado en lingua portuguesa? Cales mediacións cómpre facer ao tradutor, ao editor e mesmo ao lector nese contexto? As posibilidades abertas polo estudo dos SPG serían validas para discutir outras producións literarias compostas en situacións semellantes? Dedicaremos a última parte do nosa exposición ao debate destas cuestións.

3. Os Seis poemas galegos: a tradução intercultural e intercomprensión entre línguas românicas.

Federico García Lorca representa un dos principais autores do século XX non só nas literaturas en español, mais na literatura universal como demostra que a súa obra estea traducida en numerosas linguas, entre as cales, os principais idiomas europeas de cultura coma o alemán, o francés, o inglés, o italiano, o ruso e, certamente, o portugués. Segundo Staiger (1975, p. 51), a poesia autenticamente lírica é singular e irreproduzível”. Esa calidade dos SPG formula un problema para a súa lectura quer entre a comunidade hispano falante, quer na lusófona. Obviamente o público hispano falante acede á poética lorquiana na lingua orixinal con excepción dos SPG que, nunha versión monolingüe, debe producir certo estrañamento para o lector que non teña familiaridade coa lingua e a cultura da Galiza11. Por outra banda, a editorial brasileira Martins Fontes publicou a Obra poética completa de Lorca en 1999, onde presenta os poemas en edición bilingüe castelán e portugués como testo a fronte. Os SPG foron editados seguindo o mesmo criterio, no caso orixinal galego e a fronte a tradución en portugués. Esas dúas edicións reproducen unha situación característica das chamadas linguas minoritarias, ou non hexemónicas, que, para se relacionaren con outras comunidades lingüísticas e culturais, precisan recorrer á interposición ou mediatización dunha lingua hexemónica, entorno da cal orbitan como satélites.

Desde a súa experiencia como pescudador e falante de gaélico irlandés, Cronin (1998) formula algunhas cuestións que xorden ao traducir desde, para e entre linguas minoritarias. Así, por exemplo, as/os poetas de lingua gaélica que desexen traducir escritoras/es de Estonia invariabelmente pasarán polo filtro do inglés, idioma que as dúas partes coñecen. Feito que supón que as/os escritoras/es dunha lingua minoritaria frecuentemente sexan traducidos –ou se autotraduzan– nunha lingua maioritaria creando unha literatura pensada, desde a súa xénese, para a tradución. Deste modo, no actual proceso de mundialización, as linguas minoritarias poden se transformar en espellos dunha lingua maioritaria, importando masivamente estruturas léxicas, sintácticas e semánticas alleas. Por outra banda, poetas e escritoras/es que, fronte á asimilación, busquen diferenciarse ou reafirmar a identidade lingüística e cultural de seu, reafirmando os trazos autóctonos máis característicos, corren o risco de crear unha obra tamén especular: diametralmente oposta aos modelos da lingua maioritaria, o que pon de manifesto a dependencia e subordinación ás linguas as cales pretendían se contrapor. En síntese, as diferenzas de poder económico, demográfico, cultural e político entre as grandes linguas centrais e as linguas minoritarias ou minorizadas periféricas xeran diferenzas nas traducións entre unhas e as outras. Avanzando na súa argumentación, o investigador irlandés denuncia a falta dun foco teórico específico dentro dos Estudos da Tradución para estas linguas, feito que provoca que “speakers of minority languages looking into the disciplinary mirror of translation studies can also experience the troubling absence of the undead” (p. 250). Porén, son as linguas minoritarias as que máis precisan da tradución como vía para recibir e incorporar as producións estranxeiras e exportar o propio patrimonio.

No caso do SPG, se a mediatización pasar pola tradución para o español, caeríase na contradición da vontade do poeta: para Lorca nada era máis simples que usar a propia voz andaluza á hora de cantar a Galiza, pero a súa vontade fixo que tomase emprestada a lingua galega a través da colaboración de Guerra de Cal e Blanco Amor. Por súa vez, a mediatización do portugués podería pasar por un arranxo da ortografía para as convencións ortográficas actuais desta lingua e a substitución de certos castelanismos, arcaísmos, vulgarismo e dialectalismos. Esa solución corre o risco de deturpar musicalidade e a rima da obra.

Fronte a esas dúas posibilidades que traen perdas no contido e na formulación poética dos SPG, presentamos outra alternativa. O texto orixinal en galego permite unha lectura multicultural e bilingüe afastada do canon, onde se xustapoñen a lingua e a cultura da Galiza, integradas no amplo espazo do portugalego, e as culturas que se expresan en español. Descóbrese así un espazo literario que transborda as fronteiras dos espazos lingüísticos, literarios e culturais estritamente delimitados pelos estados nacionais e descritos pola lingüística e a filoloxía do comezo do século XX. Deste xeito, trázase unha ponte sobre as fronteiras lingüísticas da Romania, ou sexa do territorios onde son faladas as linguas románicas ou neolatinas (BADIA I MARGARIT, 2007). Esa lectura estabelece un diálogo como espazo común intrarrománico que outra importante escritora galega en castelán, Emilia Pardo Bazán, formulou xa hai máis dun século: “Portugal es para mí como la América latina. Algo que tengo que reconocer, política y geográficamente, por extranjero, pero que moralmente, afectivamente sobre todo, continúa formando parte de mi pátria” (PARDO BAZAN, Apud HERRERO FIGUEROA, 2007, p. 153).

En definitiva os SPG, como talvez boa parte da literatura contemporánea galega, son barcas que navegan e beben de dous océanos contiguos: o lusófono portugalego e o hispánico. Por iso, consideramos que as estratexias e cuestións verbo da súa tradución e lectura, as cales dedicamos estas páxinas, poden servir para outras pescudas que se propoñan traballar coa produción, lectura e difusión da literatura galega nesas dúas comunidades veciñas de forma que a diversidade e a variación non sexan dificultades a seren superadas, mais constitúan a base e a potencia destas obras.

4. Referencias Bibliográficas

BADIA I MARGARIT, A. Génesis de la Romania y genio de la romanística. In: GARGALLO GIL, J; REÍNA BASTARDAS, M. (coords.) Manual de lingüística románica. Barcelona: Ariel, 2007.

BAGNO, M. O português não procede do latim: Uma proposta de classificação das línguas derivadas do galego. Dispoñíbel en: http://www.editorialgalaxia.es/imxd/libros/doc/1320761642191_Marcos_Bagno.pdf. Aceso en: 26 jun. 2015.

CRISTOVÃO, F. et al (Org.). Dicionário temático da Lusofonia. Lisboa/ Luanda/ Maputo/ Praia: Texto Editores, 2005.

CRONIN, M. The Cracked Looking Glass of Servants: Translation and Minority Languages in a Global Age, The Translator, Manchester, vol. 4, n. 2, p. 145-62, 1998.

FINBOW, T. A formação dos conceitos de “latim” e de “romance”. In: LAGARES, X; BAGNO, M. (Org.) Políticas da norma e conflitos linguísticos. São Paulo: Parábola, 2011.

García Lorca, F. Federico García Lorca: Obra Completa. Madrid: Akal, 2008.

_______________, F. Obra poética completa. São Paulo: Martins Fontes, 1999.

_______________, Fe. Seis poemas galegos de Federico García Lorca. Edic. Fac-símile. Santiago de Compostela: Biblioteca facsimilar do Consorcio da cidade de Santiago, 1996.

GIBSON, I. Vida, pasión y muerte de Federico García Lorca (1898-1936). Barcelona, Plaza-Janés Editores, 1998.

HERRERO FIGUEROA, A. Sobre a discutíbel lusofilia de Pardo Bazán ou de como Dª Emilia non é propiamente Maria Guavaira. In: VII Congreso Internacional de Estudos Galegos, 2007, Barcelona. Anais… Sada: Edicións do Castro, 2007. p. 143-154.

LAGARES, X. Minorias linguísticas, políticas normativas e mercados uma reflexão a partir do galego. In: LAGARES, X; BAGNO, M. (Orgs.) Políticas da norma e conflitos linguísticos. São Paulo: Parábola, 2011. p. 169-192.

Lambert, J. Itamar Even-Zohar’s Polysystem Studies: An Interdisciplinary Perspective on Culture Research, Canadian Review of Comparative Literature / Revue Canadienne de Littérature Comparée, Calgary, XXIV, n. 1, p. 7–14, 1997.

MONTEAGUDO, H. Historia social da língua galega. Vigo: Galaxia, 1999.

Pérez rodríguez, L. O pórtico poético dos Seis Poemas Galegos de F. García Lorca. Santiago de Compostela: Consello de Cultura Galega, 1998.

POSNER, R. Las lenguas romances. Madrid: Catedra, 1998.

REAL ACADEMIA GALEGA INSTITUTO DA LINGUA GALEGA. Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Santiago de Compostela: Secretaría Xeral de Política Lingüística, 2005.

STAIGER, E. Conceitos fundamentais da poética. Rio de Janeiro: Tempo brasileiro, 1975.

TEYSSIER, P. História da língua portuguesa. São Paulo: Martins Fontes, 2007.

1 En 1930 residiu unha tempada en Nova York, cidade que lle inspirou para compor Poeta em Nueva York; é de imaxinar que daquela adquirise certo coñecemento da lingua inglesa.

2 A discusión que propomos entra dentro daquelas que examinan autores e obras plurilingües como, por exemplo, as pezas teatrais en francés do irlandés Samuel Beckett.

3 Cf. Gibson (1998) e para unha exposición pormenorizada das viaxes Cf. Pérez Rodríguez (1998, p. 19-76).

4 Noutras ocasións, interpretou cancións populares como Nosa Señora da Barca ou Asubía, que fai vento e inclusive cantigas de amigo de Martín Codax.

5 A Sociedade de Amigos da Arte fíxolle o convite para dar conferencias sobre literatura e a viaxe, prevista para unha semana, terminou se prolongando varios meses: desde 13 de outubro de 1933 até o 27 de marzo de 1934. Esa pasaxe non pode ser omitida xa que serviu de inspiración para o poema Cántiga do neno da tenda.

6 Os parágrafos do prólogo de Blanco Amor foron extraídos de Pérez Rodríguez (1998, p. 146-148).

7 Pérez Rodríguez (1998, p. 159) sinala o paralelismo entre esa romaría e a romaría da Nosa Señora da Franqueira, á cal Ramón Cabanillas dedicou un poema. Esa coincidencia temática podería revelar a influencia das conversas entre intelectuais galegos no Café Regina, ás cales Federico asistía en compañía de Ernesto Pérez Guerra. É posíbel que Ramón Cabanillas contase a Federico, entre outras moitas lendas e historias populares, a romaría da Nosa Señora da Barca e a da Nosa Señora da Franqueira.

8 Monteagudo (1999) expón de maneira detallada a historia social do galego.

9 O caso non é exclusivo do portugués e así outros idiomas, como o árabe ou o chinés, tamén responden a ese mesmo perfil glotopolítico.

10 Verbo da teoría dos polisistemas, pódese consultar Lambert (1997).

11 Obsérvese a edición da obra completa de Lorca publicada pola editora madrileña Akal (LORCA, 2008).

Anúncios

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair / Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair / Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair / Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair / Alterar )

Conectando a %s