Rosario Álvarez: “Non atopei nunca un brasileiro que crese que eu estaba falando a mesma lingua ca el”

Entrevistamos a Rosario Álvarez, Catedrática de filoloxías galega e portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela.  Docente na Facultade de Filoloxía e investigadora do ILG. Licenciatura e grao en Filoloxía Románica (1974), doutoramento en 1980, sempre na USC.

Actividade investigadora centrada na variación e cambio lingüístico do galego, sobre todo diatópica, á procura da mellor descrición do galego moderno; pola mesma razón, interésase pola gramática contrastiva portugués-galego (PE e PB). Tamén se ocupa da edición e estudo de textos do “galego medio”, de novo á procura do mellor coñecemento da evolución diacrónica e diatópica camiño do galego contemporáneo.

Membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego desde os inicios. Coautora de dúas gramáticas do galego, con Monteagudo/Regueira (1986) e Xove (2002); IP do equipo redactor da gramática da RAG. Directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil. Directora da revista Estudos de Lingüística Galega.

Foi Vicerreitora de Profesorado (1990-94), Directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-99) e do Instituto da Lingua Galega (2005-13). Académica numeraria da Real Academia Galega (2003); dirixe o Seminario de Gramática e forma parte da Executiva, como Tesoureira (2013). Vicepresidenta do Consello da Cultura Galega (2010);  coordinadora da sección de Lingua, Literatura e Comunicación, á que pertence desde a creación.

2011-07-22_IMG_2011-07-15_00.22.22__5497902

Entrevista.

– Estás nestes intres facendo unha xira por varias cidades do Brasil impartindo palestras en múltiples universidades. Que tal a túa estancia no Brasil e concretamente no Rio de Janeiro?

Nesta ocasión a miña viaxe vai de São Paulo a Rio e logo a Salvador, para volver de novo a Niterói e de aquí xa de volta para Galicia. A viaxe está sendo óptima, tanto no terreo académico coma no persoal. Sempre é un pracer vir ao Brasil, onde os galegos sentimos sempre unha gran proximidade afectiva. Sen dúbida se debe a que os brasileiros son persoas benhumoradas e de franca hospitalidade, mais tamén a que nós temos aquí fortes lazos culturais, que veñen de moi lonxe no tempo, á parte dos persoais e familiares. ¿E que che vou dicir do Rio de Janeiro, sempre marabillosa?

– Actualmente estás desenvolvendo, en colaboración con profesorado galego, portugués e brasileiro, o proxecto do Tesouro do Léxico Patrimonial Galego e Portugués. En que consiste?

Dito en poucas palabras, creamos un gran banco de datos en que reunimos o léxico que aparece á súa vez recollido en moitas obras dispersas, en gran parte inéditas (teses, traballos académicos, artigos, etc.). Interésanos o léxico do mundo tradicional, que nalgúns casos hai que recoller antes de que se perda para sempre (ferramentas, labores agrícolas, nomes de plantas e animais, formas do terreo, etc.). Nós procesamos ese léxico e no Tesouro ofrecemos a posibilidade de consultar un gran dicionario de dicionarios, que nos permite saber a forma, significado e localización no espazo dunha palabra; tamén ofrece mapas para que se vexa a distribución xeográfica en Galicia, Portugal e Brasil. O acceso é libre e gratuíto: http://ilg.usc.es/Tesouro/.

Neste momento pasamos dos cento cincuenta mil rexistros, e seguimos traballando.

Interésanos o léxico do mundo tradicional, que nalgúns casos hai que recoller antes de que se perda para sempre

– No Brasil hai centros de estudos galegos en Bahia, Rio de Janeiro, Niteroi e São Paulo. Por que é importante para o galego estar presente no ámbito académico brasileiro?

Podería responder dicindo simpleemente que o galego é unha lingua románica que procura o seu espazo propio no àmbito das linguas románicas dentro do mundo académico, mais esa non é a razón fundamental.

O galego moderno e o portugués proceden daquel galego primitivo que se formou na Gallaecia a partir do latín galaico. O territorio daquela antiga Gallaecia é o ocupado hoxe por Galicia e polo territorio de Portugal situado ao norte do río Douro. Nós, galegos, sentimos que formamos parte dun grupo románico que poderiamos chamar galego-portugués; a historia (política, social, cultural, lingüística…) mostra que este sentimento ten bases e raíces moi fondas. E por iso queremos estar presentes no ámbito académico dos países de lingua portuguesa, en especial, por razóns obvias, en Portugal e no Brasil.

Non é que nós pensemos que o portugués que se fala no Brasil teña filiación directa no galego. Non hai discusión entre os científicos sobre a base portuguesa (por tanto xa non “galego primitivo”) da lingua do Brasil. Mais igualmente hai unha orixe compartida e unha afinidade básica enorme.

– Hai interese nas universidades brasileiras pola nosa lingua?

Eu observo un interese crecente, que para nós é moi estimulante.

Por razóns sociolingüísticas que non veñen agora ao caso, o galego sufriu un apagamento que durou séculos. Os estudos de lingüística e filoloxía galegas non arrincaron ata fins da década dos 60 do século XX. Iso explica, creo, que en moitos medios universitarios —por veces non tan distantes coma os do Brasil— se chegase a pensar que o galego desaparecera na noite dos tempos. Non foi asi, evidentemente: aquí estamos nós mostrándolle ao mundo que seguimos vivos e moi vivos.

Á medida que os nosos colegas brasileiros e os seus alumnos descobren Galicia e o galego vaise dando un movemento de simpatía e recoñecemento que nós agradecemos; e, sobre todo, o galego vai formando parte do seu plan docente e investigador.

O Instituto da Lingua Galega (centro de investigación da USC) ten neste momento relacións de colaboración docente e investigadora, recíproca, con moitas universidades brasileiras, repartidas por estados das cinco rexións que integran a República.

O galego perde falantes a un ritmo moi acelerado. Como lingüista e membro do ILG, do CCG ou da RAG, que avaliación fas da política lingüística levada a cabo no país?

A afirmación de que perde falantes en termos absolutos é correcta, pero creo que habería que matizala dicindo que perde falantes monolingües (en galego), basicamente porque aumenta o grupo dos bilingües; e tamén que o galego gaña falantes (bilingües) en sectores que se manifestan monolingües orixinarios (en castelán).

Canto á política lingüística levada a cabo no país, teño sentimentos encontrados. Creo que se avanzou moito en eliminar trazos negativos vencellados á lingua galega; e tamén que o galego se instalou bastante ben en sectores sociais e ámbitos de uso público que lle estaban prohibidos, ao punto de ser hoxe exclusivo ou hexemónico neles. A min, persoalmente, gustaríame que os avances fosen máis cuantiosos e máis evidentes; cando o grao de satisfacción depende das expectativas de cada un, resulta difícil saber cal é a xusta medida. Doutro lado, non sabería dicir canto deben estes logros á “política lingüística” emanada dos sucesivos gobernos ou á que xorde da sociedade civil.

Creo que nas políticas lingüísticas públicas se deron retrocesos durante o mandato do actual Presidente e que iso é moi negativo para o idioma. Habería que dicir, con Díaz Castro, xa que estamos no seu ano, “Un paso adiante e outro atrás, Galiza, / e a tea dos teus soños non se move”.

Creo que nas políticas lingüísticas públicas se deron retrocesos durante o mandato do actual Presidente e que iso é moi negativo para o idioma.

Tes presentado relatorios en diferentes universidades baixo o título Unha orixe, dúas linguas, tendo en conta a diversidade de criterios académicos a este respecto, que lle dirías a un brasileiro ou a un galego que acredite que, malia haberen diverxencias, o galego e o portugués constitúen actualmente variantes dunha mesma lingua?

Eu creo que hai que separar os desexos persoais das evidencias.

Cando eu falo en calquera lugar de Galicia, dun estremo ao outro, ninguén pon en dúbida que estou falando galego; o mesmo ocorre se o fago nos centros da emigración ou do exilio galegos en Buenos Aires, Salvador, Barcelona ou Londres. Cando nos mesmos lugares fala un portugués ou brasileiro, ninguén o recoñece como falante de galego.

E viceversa. Esta é a miña oitava viaxe a Brasil. Nelas, tiven a ocasión de participar en varios congresos en distintos lugares do Brasil e de visitar xa once universidades, con algunhas das cales manteño relación constante. En todos os lugares manifestan sorpresa ante a proximidade lingüística, a facilidade de intercomprensión, características que crían peculiaridades locais, etc. Non atopei nunca un brasileiro que crese que eu estaba falando a mesma lingua ca el.

Eu creo que hai que separar os desexos persoais das evidencias. (…) Non atopei nunca un brasileiro que crese que eu estaba falando a mesma lingua ca el.

– Nun recente estudo de Valentina Formoso (2013) dáse conta dos prexuízos existentes entre a mocidade con respecto á norma escrita do galego. Como parte fundamental na elaboración da norma, pensas que se acertou no proceso de estandarización do galego?

Creo que unha norma lingüística non convence ao cen por cen a ninguén, nin sequera aos que a elaboran. En todo proceso de negociación ora cede un ora cede outro. Os logros colectivos teñen que darse con cesións e renuncias, doutra maneira é imposible chegar a acordos.

Con todo, creo que en conxunto a norma responde aos principios básicos irrenunciables enunciados no comezo. E, por iso, deixando de lado as miñas propias reticencias, en beneficio do acordo e do consenso, si, creo que se acertou.

Creo que se acertou coa norma lingüística do galego

– Ao abeiro desta cuestión, consideras que unha aproximación maior ao portugués podería servir como elemento para prestixiar o noso idioma entre a mocidade?

¿Seica a mocidade ten máis contacto co portugués ca co galego?

– Se tiveses da túa man a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que medidas de urxencia tomarías para reverter o proceso de substitución lingüística?

Espero non ter esa carga e esa responsabilidade nas miñas mans nunca na miña vida.

Agora brevemente…

O mellor e o peor do Río e do Brasil

O bo carácter dos brasileiros e brasileiras, a natureza desbordante, a benignidade do clima…: en suma, o país todo.

A sensación de inseguridade da que todos os naturais teiman en facernos conscientes e que nós, quizais por ignorancia e irresponsabilidade, teimamos en non percibir como tan grave.

Un lugar no Río de Janeiro

¿Non vale dicir “toda a cidade”? O forte de Copacabana, á tardiña.

Unha palabra do galego e unha do portugués

¿Vale andoriña/andorinha?

Un desexo para o futuro

Que poidamos falar con portugueses e brasileiros en pé de igualdade, como falantes e estudosos dunha lingua e cultura plenamente normalizadas.

Anúncios

5 opiniões sobre “Rosario Álvarez: “Non atopei nunca un brasileiro que crese que eu estaba falando a mesma lingua ca el””

  1. “Non atopei nunca un brasileiro que crese que eu estaba falando a mesma lingua ca el.”

    Normal, Rosario. É o que se passa quando falas o galego inzado de castelanismos e com sotaque de Madrid, que é como falam todos os galegos

    “Eu creo que hai que separar os desexos persoais das evidencias…”

    Eu tamém, por isso deverias abandonar o teu desexo de misturar galego co castelám imaginando que essa mistura é umha língua.

    ” Se tiveses da túa man a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que medidas de urxencia tomarías para reverter o proceso de substitución lingüística?
    Espero non ter esa carga e esa responsabilidade nas miñas mans nunca na miña vida.”

    Pero xa a tes mulher! Sendo um dos apóstolos do galego castrapiÑo como és, tes ajudado moito à causa da “língua reXional”.

    1. Imos ver fai nada entrei no dicionário da RAG e a forma ANDURIÑA era a única válida , agora deixam por andoriña mas remete para anduriÑa , curuxa ainda nom e coruxa como o pt coruja mas se a senhora chega a falar em coruxas seguro que o dicionário mudaria , como também muitos destes ILgarras que falam miraxe e apenas registam espellismo,,en fim e depois nom reconhecer que o galego está a perder falantes é lamentavel !!!1 nenhum neno/ nenhuma criança sabe falar galego fluido ela está no ensino?? eu si!!!esta a me chamar parvo???? percebe-se bem o partido político com o que comunga

  2. O que não compreendo é por que fazer um Tesouro do Léxico Patrimonial Galego e Português se são línguas diferentes. Igual podia ser Tesouro do Léxico Patrimonial Galego e Rumeno: pura linguística comparada. Porque o projeto não é sobre “OS léxicoS patrimoniaIS galego e português”. Poderia dizer-se, por exemplo: “Tesouro do léxico patrimonial galego e finês”?

    De maneira que as contradições há que ir solucionando-as, senhores/as professores/as das universidades. Nunca nenhuma pessoa brasileira pensaria que falava a mesma língua que a senhora professora, e nunca nenhuma pessoa galega pensava que falava uma língua durante o Franquismo, mas um dialeto. E nunca ninguém pensava que existia a língua bósnia até que a Jugoslávia explodiu.

    Ainda mais: não compreendo como a professora pensa, quando está no Brasil, que aí falam “português”. Onde é que ela escuta “português” na Baía, no sertão, em São Paulo? Não compreendo por que o seu projeto não é “Tesouro dos Léxicos Patrimoniais Galego, Português e Brasileiro”, como mínimo. A poderosa razão deve ser a presença duma fricativa interdental num lugar sim e noutros não, uma africada aqui e não ali, coisas desse estilo. Pura fonética, um chisquinho de morfologia, uma glorificação da consciência linguística da/do falante nativa/o, e muita, muita teimosia após muitos, muitos anos de enrocamento. Há que superar isto de vez porque, sim, A LÍNGUA PERDE-SE ACELERADAMENTE, e não por bilinguização da população galega. PERDE-SE, e não sei que interesses há em negá-lo ou matizá-lo (erradamente).

  3. Eu se em Lisboa falar com pronuncia lisboeta a brasileiros não me compreenderão. Terei de falar devagar para que me entendam e só ao cabo de três dias começam a habituar-se à pronúncia. E são a mesma língua, tal como a fala da Galiza o é em relação ao português, por muito que esta mulher diga o contrário por que quem lhe paga o salário é a Xunta (governo galego , via Madrid) , logo esta postura convém muito ao estado espanhol.

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair / Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair / Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair / Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair / Alterar )

Conectando a %s