A periferia brasileira do s. XXI en Ferrez e Iolanda Zúñiga (I)

Noa Fernández Pazo

Leitora de Língua e Literatura Galega  na Universidade de São Paulo

[Este trabalho, por causa da sua extensão, será publicado em dois artigos diferentes. Pode consultar a segunda parte aquí]

O obxectivo do traballo titulado: A periferia brasileira do século XXI en textos literarios de Iolanda Zúñiga e Ferréz é presentar un estudo comparativo da novela Periferia (2010) da autora galega e de Capão Pecado (2000) e Ninguém é inocente em São Paulo (2006), dúas das obras do brasileiro Ferréz, hoxe recoñecido como un dos escritores máis relevantes dentro da denominada “literatura marginal” e/ou “de periferia” do seu país. Ademais de constatar as diferenzas (xeográfica, cultural, social, etc.) que existen entre ambos os escritores, trátase de detectar nesas narrativas da súa autoría con que parámetros é definida e de que modo é construída a imaxe da periferia brasileira, a través do carácter central que a São Paulo suburbana ten no corpus analizado. Previamente, serán abordados os conceptos de “literatura de periferia”, “literatura periférica” e “literatura marginal”, con especial atención aos estudos feitos no e sobre o Brasil, e tamén se procederá a identificar a existencia dunha tradición literaria brasileira de tratamento da favela, núcleo temático en vías de emerxencia na década de 90 do século XX e que ten alcanzado no momento actual niveis de proxección e lexitimidade antes descoñecidos.

  1. Periferia como espazo urbano e socioeconómico

No final do s.XIX producíronse as primeiras migracións do campo para a cidade, impulsadas pola economía cafeteira de São Paulo, e as actividades comerciais desenvolvidas ao seu redor.

Desde a década de 30 do s.XX e até a Segunda Guerra Mundial, São Paulo asume un lugar hexemónico na economía do país, ao ser incentivado a través de investimentos estatais o desenvolvemento industrial que vai dominar durante todo o século.

Dáse así o inicio da configuración dunha sociedade urbana e industrial, que parte dunha combinación de crecemento urbano industrial con réximes arcaicos de produción agrícola, un “pacto estrutural” entre propietarios rurais e burguesía urbana para garantir as mudanzas sen romper a estrutura anterior, (MARICATO, 1995, p.19).

Sen embargo, na década de 50 será o momento no que se produce a transformación industrial nacional de maior relevancia, cando o presidente Justelino Kubitschek inicia a política económica do “50 anos em 5” por medio dunha masificación e diversificación da produción de bens de consumo, colocando o país nunha plena inserción dentro do sistema capitalista. Este proceso causa unha aceleración importante na urbanización dos dous principais núcleos urbanos, São Paulo e Rio de Janeiro, que pasan a ter máis de un millón de habitantes.

A expansión da cidade de São Paulo para acoller a toda a masa operaria que estaba chegando foi feita en áreas suburbanas, non recoñecidas polo Estado como partes legais da cidade, e por medio da autoconstrución de parcelas, que eran “a única fórmula encontrada polo traballador para subsistir nunha situación na que o salario é menor que o custo de reprodución da forza de traballo”, (TANAKA, 2006, p.59).

A partir de 1964, ano do Golpe Militar e do inicio da ditadura, os problemas de infraestrutura urbana e a cuestión da vivenda gañan intensidade transformándose nun asunto de interese nacional. Segundo Gabriel Bolaffi, este conflito non foi formulado a partir de características intrínsecas ao problema, senón a partir das necesidades de estratexia do Poder. Realmente o Estado tería ignorado de forma consciente este tipo de crecemento urbano, porque era considerado como a solución para garantir a vivenda aos grandes continxentes de man de obra que estaban sendo atraídos para o desenvolvemento industrial. (BOLAFFI (1979), apud. TANAKA, 2006, p.70).

En consecuencia, foi activada unha campaña dende os medios de comunicación que marcou a imaxe da periferia como espazo caótico. Por un lado, foise diseminando a imaxe dunha periferia como lugar pobre da cidade, distante e mal formado, e por outro, fóronse asociando os problemas urbanos a un crecemento explosivo e á da falta de planificación.

A partir da década de 80 foi implantado no país un modelo económico neoliberal e o Estado perdeu a súa condición de provedor, de modo que o investimento de capital nestas áreas pasa a ser feito polo mercado inmobiliario, coa aprobación por parte do Estado.

O espazo físico, polo tanto, pasa a facer parte dun proceso de creación de máis valía e o seu valor é determinado polos investimentos feitos por particulares, tendo como resultado máis inmediato a expulsión da poboación máis pobre para áreas onde aínda non entrara o capital inmobiliario, (LEFÉVRE (1979), apud. TANAKA, 2006, p.64).

Á parte de todo o anterior, esta década vén acompañada dunha forte recesión económica no país, o que significou unha caída na renda das camadas populares, unha redución de recursos públicos para investimentos e un aumento do desemprego e subemprego, abríndose así unha fenda social que se vai reflectir na estrutura da cidade no final da década de 80 e inicio de 90.

Anúnciase, polo tanto, a “periferización” das metrópoles: por un lado, áreas periféricas de autosegregación, illadas e baseadas na construción de edificios de alta seguridade, e por outro, áreas periféricas con precariedade de bens públicos.

  1. A periferia como espazo político-simbólico

A segunda metade do s.XX vai marcar un momento decisivo na formación e estruturación dos movementos sociais e sindicais do Brasil. A pesar de que fose aprobado en 1968 o “Ato Institucional nº5”, no cadro do Golpe Militar de 1964, establecendo a suspensión dos dereitos civís e o endurecemento das represalias políticas, os movementos operarios conseguen organizarse de forma efectiva na clandestinidade.

A mediados da década de 70 comezan a producirse con frecuencia manifestacións populares de protesta contra as condicións de vivenda das zonas da periferia organizados por movementos sociais paulistas como o Movimento Contra a Carestia ou o Movimento da Saúde. Estes movementos sociais tiveron como actores principais moradores de periferia, articulados en organizacións de barrio, militantes sindicais sen espazo nos sindicatos verticais do Estado, operarios vinculados a organizacións católicas e militantes de esquerda. Esta composición fixo que fosen partícipes activos das grandes loitas populares como as folgas do metal, e tiveron unha importante influencia ideolóxica e programática sobre eles.

Tanto Eder Sader como Maria da Glória Gohn, apuntan a que estes movementos, por un lado se estarían constituíndo como un suxeito político colectivo, e por outro lado estarían revelando un conflito de clases e un cuestionamento das relacións sociais vixentes, a través da súa confrontación co Estado, (TANAKA, 2006, p.111-112).

Na década de 90 coa chegada ao Brasil dos Estados Unidos do movemento Hip Hop, os produtores musicais das periferias paulistanas, moitos deles tamén produtores literarios, adoptan os seus discursos e a súa estética, e entran a participar de accións de tipo cultural e educativo, como o proxecto Ação Educativa, buscando a transformación e visibilidade de súas comunidades. Así, no final do s.XX e no inicio do s.XXI nacen diferentes iniciativas, que van ter á parte da música, outras ferramentas de difusión como a literatura, entre as que destacan o proxecto “Todos um Pela Dignidade da Zona Sul” (1daSul), creado polo escritor Ferréz en 1999 ou “A Cooperativa Cultural da Periferia” (Cooperifa), organizada polos poetas Sérgio Vaz e Marco Pezão en 2001.

A intervención cultural vai pasar tamén polo uso dos medios de comunicación e das redes como plataformas de difusión, como o caso de Alessandro Buzo e Ferréz que participaron do Programa “Manos e Minas” da TV Cultura, presentando unha sección centrada en reportaxes e noticias de divulgación sobre as periferias da cidade, “Buzão circular periférico”, ou dos xornalistas Aline Rodrigues, Ana Paula Fonseca, Sueli Carneiro e Thiago Borges, moradores da zona sur de São Paulo, que puxeron en funcionamento en 2008 a páxina web “Periferia em Movimento”.

Todas estas iniciativas asócianse a un patrón de actuación moi próximo: un compromiso dos produtores artísticos cos moradores da periferia, promoción da cultura como alternativa e ferramenta de autoestima, traslado dos exemplos vitais dos produtores como camiño posible para o resto dos moradores da zona, visibilidade e dignificación da historia de líderes negros e populares cos que os moradores se poderían sentir identificados, e un incentivo ao acceso aos bens culturais e sociais en barrios que estaban excluídos dende o punto de vista cultural (NASCIMENTO, 2009, p.127).

  1. Representacións da periferia na literatura: a cidade de escenario de concordia a escenario de confronto

As revolucións industriais que se expandiron por diferentes países europeos durante a segunda metade do s.XIX e o inicio do s.XX, e que tiveron como resultado desprazamentos masivos de poboación dende as áreas rurais para as urbanas, así como novos modelos de estruturación urbana, colocaron a cidade como foco de atención, espertando o interese da literatura.

A literatura brasileira non quedou fóra deste proceso. Nun primeiro momento, entre o final do s.XIX e o inicio do XX foi representada preferentemente a “cidade oficial”, onde vivían as clases privilexiadas e que daba conta dos avances socioeconómicos do país. As poucas ocasións nas que os espazos que ocupaban as clases baixas eran escollidos como espazo narrativo, como o caso de O cortiço (1890) de Aluísio de Azevedo, a representación era feita dun modo paternalista, como modelo de convivencia e cordialidade, practicamente libre de conflitos sociais.

A partir da segunda metade do s.XX, como vimos no epígrafe anterior, o Brasil sufriu unha transformación económica radical que tivo os seus efectos principais na taxa de poboación que se desprazou para as áreas urbanas, pasando dende 1965 ao ano 2000 de 45% a 81% do total da poboación. Esta modificación na composición territorial do país tivo un importante impacto na reformulación das representacións do espazo urbano na literatura.

Se nas primeiras décadas do século pasado, a literatura rexionalista tiña como foco discutir a confrontación entre dous sistemas simbólicos de organización, un global e moderno, representado polo ámbito urbano, e outro integrado por sistema locais, representados polas zonas rurais, no final do mesmo século, a confrontación quedou plenamente situada no espazo urbano, entre o pólo da orde e da legalidade, a “cidade oficial”, e o pólo da cidade fóra da lei ou con lei propia, a “cidade marxinal”, (PEREIRA, 2011, p.6).

A imaxe desta “segunda cidade” foi impregnada a partir de 1965 dun carácter conflitivo resultante das ondas de violencia urbana naquela altura, que pasaran a ser consideras “problema nacional”, e tiñan a súa orixe nesta parte da cidade.

É así como o parámetro da violencia social vai facer parte indisociable da caracterización na literatura das áreas habitadas polas clases baixas até case finalizado o século.

  1. Retratos da periferia

  1. Ferréz: Capão Pecado (2000) e Ninguém é inocente em São Paulo (2006)

Analizaremos a seguir dúas obras de Ferréz, pseudónimo de Reginaldo Ferreira da Silva, un dos produtores literarios que ten alcanzado gran relevancia dentro do panorama da actual literatura brasileira e tamén dentro da literatura internacional das últimas décadas. Ambos textos ficcionais, unha novela e unha colección de textos breves, están inspirados en historias da vida diaria do barrio do Capão Redondo da periferia de São Paulo, de onde o autor é morador dende a infancia, combinando ficción con reflexións sobre cuestións sociais e políticas que atinxen aos seus moradores e expostas polo autor nunha mestura de denuncia social e autocrítica.

    1. Periferia como espazo urbano

O espazo colocado como contexto nas dúas obras pertence á zona Sur da cidade de São Paulo, concretamente o barrio do Capão Redondo, unha das zonas de maior índice de violencia na metrópole. Este espazo narrativo vai ser confrontado sistematicamente de forma directa co resto da cidade, especialmente co centro, proxectando a imaxe dunha cidade dividida en partes diferenciadas dende o punto de vista tanto económico como social, pola precariedade e o abandono institucional, marcas que están presentes na vida diaria das personaxes, tanto de forma física, como nas reflexións sobre o que observan ao seu redor.

Sem pretensão, a gente aqui do Capão nunca ia conseguir chamar a atenção do resto do mundo, porque da ponte João Dias pra cá é outro mundo, tá ligado? (…). Capão Redondo é a pobreza, injustiça, ruas de terra, esgoto a céu aberto, crianças descalças, distritos lotados, veiculo do IML subindo e descendo pra lá e pra cá, tensão e cheiro de maconha o tempo todo. São Paulo não é cidade maravilhosa e o Capão Redondo, no lado sul do mapa, muito menos.” ( FERRÉZ, 2000, p. 23-24).

Con todo, a periferia non deixa de ser un espazo de afectos, o lugar onde naceran e co que se identifican as personaxes, unha circunstancia que aparece de forma explícita nos “anexos” que acompañan o libro, véxase o caso de Mano Brown: “Mas aí! Eu amo essa porra!. No mundão eu não sou ninguém, mas no Capão Redondo eu tenho meu lugar garantido, moro mano?.” (FERRÉZ, 2000, p.24).

Neste sentido, as veces que a acción é colocada no centro da cidade é feito de forma conflitiva, é dicir, o paso dos moradores polo centro implica unha sensación de incomodidade, de estar fóra de lugar.

“– Ah mãe, você sabe que não gosto de trocar idéia com esses playboys, e ainda mais receber. (…). Ele tinha nojo daqueles rostos voltados para cima, parecia que todos eles eram melhores que os outros. (…). Pegou o primeiro ônibus, desceu no terminal Capelinha e lá pegou o Jd.Comercial. Conforme o ônibus avançava ele se sentia melhor, se sentia mais em casa.” (FERRÉZ, 2000, p.36-37).

Sen embargo, o espazo da periferia tamén está envolto en matices negativos, non só polas súas características internas vinculadas á precariedade, senón polo que significa socialmente en relación ao centro: “Morar em periferia sempre me prejudicou, esgoto, bebedeira, tiro, e principalmente para se candidatar a algum emprego. É do Capão ? Entao não emprega.” (FERRÉZ, 2006, p.17).

    1. Personaxes-Moradores

Non sería posible entender de forma completa a representación da periferia se non é por medio da imaxe dos seus moradores, que nestas obras son personificados en diferentes grupos:

  1. Traballadores

Existe un amplo perfil de personaxes que representan os traballadores, pero a súa significación está sempre exposta a través do conflito de clase coas camadas medias e altas, que precisamente acompaña a ruptura socioeconómica entre a periferia e o centro urbano.

Cada grupo está situado nun espazo totalmente diferenciado e con papeis sustentados nunha relación de dominación e subordinación. Esta polarización é incluso materializada no nome que é atribuído aos membros de cada grupo: por un lado os “manos”, membros e representantes da periferia, e por outro lado os “playboys”, antítese dos membros da periferia e que teñen como ámbito de acción o centro urbano.

  1. Os mozos: discursos entre o ben e o mal

En Capão Pecado a representación dos máis novos está organizada entre un pólo positivo, no que se sitúa o protagonista, caracterizado como unha personaxe diferenciada do resto, por medio da afección á lectura, da conciencia crítica, do afastamento sistemático de aqueles que se envolven no mundo das drogas ou no crime, e un pólo negativo, no que son situadas o resto das personaxes, que non cren máis en que algo poida ser mudado e, polo tanto, apostan polo enriquecemento rápido mesmo a pesar de súas propias vidas e a das súas familias.

Por isso que eu falo, truta, eu quero continuar a estudar, e se Deus permitir, mano, eu quero ter um futuro melhor. E o pior é que, se você analisar os fatos, vai notar que de todos os trutas só um ou dois patrícios tão querendo algo. (…). Tá certo, cê vê o Alaor ta na correria, o Panetone e o Amaral também tão dando mó trampo, mas o resto, mano, na moral, tao vacilando. (…) esses aí vão ser engolidos pelo sistema; enquanto eles dormem até meio-dia e fica rebolando no salão até de manha” (FERRÉZ, 2000, p.119).

    1. Violencia: múltiples axentes

A violencia retratada nas dúas obras non só se mostra localizada na periferia, senón tamén no sistema social, que a través da discriminación laboral, racial e de clase exerce formas de violencia tan graves como os crimes cometidos polas personaxes, que son vítimas e verdugos a un tempo.

  1. A violencia da explotación laboral

Por un lado nestas obras atopamos a óptica da explotación laboral que sofren os moradores das periferias, así como os enganos aos que son sometidos os traballadores pasando por traballos temporais e de baixísima calidade laboral.

Trabalhei até 11 horas, Estava quase desmaiando de fome, o mercado cheio de comida, tudo que é tipo de alimentação, mas se nos virem comendo é justa causa. (…). Uma vez um menino foi mandado embora, devia ter uns 18 anos e tinha um filho recém-nascido. Pegaram ele comendo uma goiaba, ele foi mandado por justa causa.” (FERRÉZ, 2006, p.30-31).

A consciencia das carencias sociais e laborais está presente en todas as personaxes, e é iso o que as leva a ter unha actitude de confrontación co outro, o playboy ou o burgués, retratado como un sector que ten posibilidade de acceder a todo tipo de melloras, aínda que para eles nunca sexa suficiente.

Uma vez, o segurança pegou um velhinho que estava roubando uns chocolates finos. (…) O segurança foi mandado embora no outro dia, o velhinho era gente bacana, cheio de grana, e nessa gente nossa gente não encosta, (…) Só os pobres não tem o mesmo tratamento.” (FERRÉZ, 2006, p.31).

  1. A violencia do prexuízo

A violencia que xera o prexuízo é denunciada en diversos textos nos que vemos aparecer diferentes prexuízos acerca dos moradores das periferias como o uso de drogas de forma xeral, medo ao “outro”, ou o crime como consecuencia da precariedade.

E você, neguinho o que tá olhando aí, decorando minha cara para me matar, é? Você pode até tentar, mas a gente volta aqui, põe fogo em criança, queima os barracos e atira em todo mundo nessa porra. (…) Você é lixo, olha suas roupas, olha sua cara, magro que nem um preto da Etiopia, vai roubar, caralho, sai dessa.

Sou trabalhador

Trabalhador o caralho, você é lixo, lixo.” (FERRÉZ, 2006, p.12-13).

  1. A violencia policial

A actuación da policía é un dos principais axentes de violencia nos textos de Ferréz, nos que é posible observar como as detencións e agresións por parte das forzas de seguridade do Estado fan parte da vida diaria dos moradores das periferias. A represión policial é exercida aleatoriamente, tanto na xente moza como en adultos, chegando mesmo a asasinar e roubar, e que ten como consecuencia que a policía pase a ser un inimigo máis dos moradores da periferia.

tinha um som enfrente ao bar do Quitos, tinha noite que chegava a ter mais de duas mil pessoas curtindo o baile, o som já tinha mais de anos e era muito difícil sair alguma confusão, até que numa sexta-feira, quando o som estava lotado, uma viatura da Rota veio em toda velocidade e partiu por meio do povão, sem mais nem menos. Mais de dez pessoas foram atropeladas e muitas acabaram com contusões, pois foram pisoteadas na correria.” (FERRÉZ, 2000, p.35-36).

Rematando a acción do texto transcrito coa seguinte frase da canción “Homem na estrada”, do grupo Racionais MC’s: “Não confio na polícia, raça do caralho”. (FERRÉZ, 2000, p.36).

Anúncios

Uma opinião sobre “A periferia brasileira do s. XXI en Ferrez e Iolanda Zúñiga (I)”

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair / Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair / Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair / Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair / Alterar )

Conectando a %s