(Des)Mitificando o Rio

(Des)Mitificando o Rio

Desde o primeiro momento que souben que ía vir ao Rio de Janeiro viñéronseme á cabeza os tópicos que habitualmente as galegas e galegos asociamos con este país: fútbol, praias, inseguranza, intercomprensión lingüística… mais é certo todo isto? Imos tentar redeseñar os tópicos, pois non todo é o que parece amigo.

As praias: famosas en todo o mundo, Copacabana e Ipanema preséntanse soas e son a primeira imaxe que seguramente se nos vén á cabeza ao pensar no Rio (alén de por suposto o Cristo Redentor). Pois ben, son verdadeiramente as mellores praias do mundo? Na miña opinión, non. Quilómetros e quilómetros de area finiña cun clima que convida ao baño case calquera día do ano. Até aquí marabilloso. Porén, a auga do mar está poluída, cheira e ten unha escuma amareliña que fai que, ao te achegares á beira do mar, só queiras dar volta atrás. Por sorte isto non acontece sempre, nin nas dúas praias, mais si na maioría dos días en Copacabana e ás veces en Ipanema. E por suposto, nada de auga morna, case tan fría coma en Galiza. Así pois, primeiro mito que botamos abaixo.

mancha-verde

Auga de Copacabana

– Os corpos esculturais: asociado ás praias, existe un mito moi estendido sobre a perfección dos corpos que se moven en Copacabana e Ipanema. Totalmente falso. Nada que envexar os corpos das galegas e galegos. Os bañadores ben máis pequeniños, diso non hai dúbida, mais na Cidade Maravilhosa hai gordos e fracos, altas e baixas e feos e guapas en iguais proporcións que en calquera praia da outra banda do mar.

copacabana-brazil-beachcopacabana-ex54rqoo

Os corpos das praias cariocas

– A inseguranza: se a comparanza é con Europa, ben, a seguranza é ben inferior. Porén, na cidade dos e das cariocas todo é saber onde moverse en cada momento do día. A desigualdade social é enorme, e iso produce que moita xente na rúa pida esmola ou que moitas persoas non teñan máis opción que durmir en cartóns a pleno sol. Tamén os asaltos son habituais especialmente nas rúas do centro da cidade. Mais diso a tiroteos diarios, barricadas e policia en cada curruncho hai un bo treito. Non son as rúas de Compostela, mais tampouco vivimos nunha guerrilla permanente.

20_23_53_118_file

Os asaltos son habituais no Centro do Rio

– As festas: os e as brasileiras perden a oportunidade de facer festas na praia e ao ar libre. Na Galiza, cando chega o bo tempo, hai festas de rúa día si e día tamén. No Rio non acontece, vívese nos pubs e nas discotecas, pagando billetes de entrada bastante elevados. Na rúa non se recadaría igual, e de certo que o obxectivo desta cidade moitas veces parece ser sacar o máximo diñeiro posíbel a quen o ten. Sempre fica a alternativa de saír na Lapa, alí é outro mundo e, para moitos, o máis interesante.

cariocadagemafinal

O bairro da Lapa

– O fútbol: aquí estamos ante un mito completamente certo. Maracanã enche semana tras semana e cada partido de fútbol paraliza a cidade. En Copacabana cando hai fútbol podes ir pola rúa e toda a vida se concentra en torno aos bares, que proxectan os partidos en televisións cara a fóra, onde moreas de persoas se xuntan para ver os encontros arredor dunha cervexa. Todo un ritual.

+torcida-do-flamengo-

A torcida do Flamengo en Maracanã

– A intecomprensión lingüística: seguro que máis dunha vez todas e todos escoitamos que o portugués do Brasil se entende mellor que o de Portugal. Ben é certo que falan máis devagar, ben é certo tamén que engaden vogais onde os portugueses as eliminan. Mais diso a que se lles entende mellor… Cómpre non esquecer que os e as cariocas teñen unha xiria moi moi ampla e moi rica, e iso dificulta a comunicación en tanto non se comece a coñecer todo ese léxico particular. Oi moleque, você vai pegar ônibus ou está maluco? Hoje não vai rolar o melzinho caraca? Iso non implica que non haxa intercomprensión. Haina, mais cando menos na miña percepción é inferior á que temos co portugués de Portugal.

giria-na-mira

A xiria carioca ateiga o falar das persoas do Rio

– A alegría: non é estraño ir pola rúa e escoitar xente cantando ou ver xente sorrindo continuamente. A actitude ante a vida do/da carioca, non sei se por extensión de todo/a brasileiro/a é bastante positiva e alegre. Mais tampouco é o país das marabillas. Non esquezamos a enorme desigualdade social. Con respecto ao seu carácter, si hai que salientar que os e as brasileiras son persoas abertas, integradoras e bastante amábeis. Non é estraño coñecer a alguén nesta cidade e que o día seguinte te reciba cunha aperta e convidándote a unha festa ou pasar uns días a non sei onde. A confianza aquí é cousa de minutos.

mensagens-sobre-patriotismo-7

As brasileiras e brasileiros son persoas alegres e integradoras

– A lentitude: en xeral parece algo intrínseco a todo américa do sur, ou esa e a imaxe que nos temos na Galiza. E é ben certa. A vida no Brasil pasa moi devagar, a xente non ten présa. Podes estar unha hora na fila do supermercado, ninguén vai erguer a voz e a persoa que estea na caixa non vai ir máis rápido por ver 35 persoas agardando, mais ao contrario, seguirá cunha lentitude, ás veces, desesperante para un europeo.

vaga-emprego-mundial

Mundial é unha das cadeas de supermercado do Rio

A burocracia: outro mito real. Dise moitas veces que dependendo de con quen fales no Brasil vas ter solución ou non, vas demorar 10 minutos ou vas ter que voltar 4 ou 5 veces. Algo como ter un visado, abrir unha conta nun banco ou conseguir o documento de identidade vai depender de quen che atenda na oficina de turno. É cuestión de sorte, pódenche pedir dous papeis para abrir unha conta nun banco nunha oficina e, porén, na do lado pedirche a factura da luz, o contacto de tres brasileiros/as, o contrato de traballo e case que fagas o pino cunha man. E non se lle pode buscar a explicación, aquí as cousas funcionan así.

BUROCRACIA LLENA DE PAPELES

A lentitude da burocracia brasileira

– Os prezos: non, malia o que se pensa de américa do sur, Brasil non é un país barato. Incluso diría que é un país moi caro. O prezo da vivenda está na liña de calquera capital europea, o prezo por metro cadrado nun bairro do sur do Rio está na liña do que se pode pagar nunha boa zona de Londres, París ou Barcelona. E nesa liña tamén a alimentación, o material de oficina ou a roupa. Se cadra sexa máis barato xantar fóra, non é raro atopar pratos executivos por 15 reais (en torno aos 5€) mais limitados ao típico frango con feijões, arroz, patacas e farofa. É caro e parece que a cousa vai a máis, os prezos seguen subindo mes a mes, veremos que acontece após o Mundial.

Sen título

O prezo da vivenda no Rio non para de subir

Continuará.

Uma consideração sobre “(Des)Mitificando o Rio”

  1. Que lingua e essa que voce escreveu esse texto ?? Parece um portugues piorado, da pra entender a maioria , mas pra que reinventar a roda ?

Deixe um comentário