Malores Villanueva: “Hai que apostar pola pedagoxía e polos discursos que non exclúan”

Malores Villanueva (A Xesteira 1982)  estivo o pasado 30 de marzo na Universidade do Estado do Rio de Janeiro, onde deu unha palestra en torno á represión lingüística e cultural na Galicia do franquismo. Ela é doutoranda pola Universidade de Santiago de Compostela, realizando a súa investigación sobre os primeiros anos da Editorial Galaxia (1950-1963). Ademais, foi profesora visitante da Universitat de Barcelona (2011-2014), Secretaria dos Cursos de galego para estranxeiros da Real Academia Galega e da Universidade de Santiago (2006-2011) e o seu número de publicacións, en forma de libros e artigos, e a súa participación en Congresos científicos, pódense contar por decenas. É tamén membro da Cerna de Prolingua.

1. Malores Villanueva, o pasado 31 de marzo impartiches unha palestra na UERJ baixo o tìtulo A Galícia na ditadura franquista: repressão e resistência cultural. Uma aproximação histórica, linguística e literária, como foi a recepción do alumnado brasileiro?

Estou moi agradecida pola boa acollida do alumnado da UERJ que encheu a sala e mostrou atención e interese polo tema, o que deu lugar a preguntas finais moi oportunas. O diálogo sempre é enriquecedor e neste caso así resoltou.

2. Deches esta palestra completamente en lingua galega. Como é falar en galego con normalidade a máis de 8000 km de Galicia?

É un gusto, sen dúbida. Non era unha experiencia nova, pero si facelo a tanta distancia. As barreiras moitas veces están nos prexuízos, cando non se teñen a comunicación entre galego e portugués é fluída.

“As barreiras moitas veces están nos prexuízos, cando non se teñen a comunicación entre galego e portugués é fluída”

3. Estas rematando actualmente a túa tese de doutoramento sobre os primeiros anos da Editorial Galaxia. Se lle tiveses que explicar a alguén que non coñeza o papel da editorial nestes anos, que achega destacarías do Grupo Galaxia para o país?

En realidade son moitas. Cando se crea a Editorial Galaxia, en 1950, serve para aglutinar voces que quedaran silenciadas pola ditadura e tamén para unir novos valores e conectalos co pasado da lingua e da cultura galegas. Polo tanto serve de punto de encontro e de ponte interxeracional, así nos primeiro anos en Galaxia publicaron Cabanillas, Cunqueiro ou Ánxel Fole á beira de Méndez Ferrín ou Xohana Torres. Galaxia marcou un segundo renacemento nun momento no que a lingua estaba marxinada e fóra do sistema educativo e dos circuítos de visibilización. Galaxia intenta prestixiala a través da cultura, da publicación de libros, de revistas, de manuais… Un labor non sempre exento de multas, censura e outros atrancos. Galaxia estaba a facer política a través dun ambicioso proxecto que ía máis alá da publicación de libros, pois tamén manobraban para conseguir a rexeneración da RAG, para introducir o galego no ensino obrigatorio ou na universidade. A rede de subscritores e accionistas permitiron un crecemento rápido e o seu asentamento ata o día de hoxe.

4. Nos anos 50/60 a literatura galega renace aos poucos após os difíciles anos de posguerra, co impulso tamén da Editorial Galaxia, e con moitos camiños por percorrer. Hoxe temos unha literatura consolidada. Cales son hoxe os retos de futuro da nosa literatura?

Hoxe temos unha literatura consolidada e que debe posicionarse sen complexos fronte a calquera outra. Ó meu ver temos unha poesía de máximo nivel e unha narrativa que loita por gañar visibilidade. Os retos teñen que ser moitos, quizais o primeiro unha boa dose de ambición e de autocrítica para avanzar. Hai que buscar estratexias efectivas para romper teitos e gañar espazos. Non son das que cre en encher ocos, pero si boto en falta certos discursos, certas obras que seguro que están, pero que non teñen fácil saída porque quedan asolagadas pola onda do momento que ditamina o que está de moda, o que vende ou o que é impuro e non ten lugar no sistema. Eu penso que sempre hai que apostar pola boa literatura e canto máis amplo sexa o abano mellor.

“Hai que buscar estratexias efectivas para romper teitos e gañar espazos. Non son das que cre en encher ocos, pero si boto en falta certos discursos, certas obras que seguro que están”

5. Publicaches tamén no ano 2010 A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo. En que foron especialmente prexudiciais os anos do franquismo para a perda da transmisión lingüística do galego?

En todo, sen dúbida. Unha ditadura sempre é prexudicial e para as minorías especialmente. O galego naquel momento era a lingua da maioría da poboación, pero o ditadura establece como única lingua nacional o castelán, única no ensino, na administración, na igrexa, en calquera ámbito de visibilidade. Iso dende logo crea unha imaxe social do galego, de lingua que non permite o ascenso social, a adaptación escolar, etc. Todos eses prexuízos vanse asentando na sociedade e a primeira xeración capacitada para mudar de lingua, porque estaba escolarizada en castelán, comeza a romper a cadea de transmisión. Iso acontece ó final da ditadura e esa fenda non fixo máis que crecer. É moi difícil reverter esas ideoloxías e eses prexuízos.

6. Mudaron moito os discursos para a promoción do galego desde o galeguismo dos anos 60 e 70 até hoxe? Tendo en conta a situación actual do idioma, en que cres que aínda deberían mudar?

Si que mudaron, porque a situación tamén o fixo, aínda que segue a haber grupos que manteñen as reivindicacións durante estas décadas. Eu creo que o discurso debe ser integrador, tendo en conta a situación da lingua neste momento. Ao meu ver hai que apostar pola pedagoxía e polos discursos que non exclúan, senón que sumen. É complicado facer isto cunha situación adversa e cun goberno que toma medidas antinormalizadoras e desprotectoras, como a eliminación en xuño do 2009 da proba de galego para acceder á administración, a aprobación en 2010 do Decreto para o Plurilingüismo ou a prohibición das liñas de galego en educación infantil no curso 2010-2011. Estas medidas, sen dúbida, non axudan ó prestixio da lingua, e ademais leváronse a cabo apoiadas no discurso negacionista, que difunde a mentira da imposición do galego. Sen dúbida é máis difícil facelo nestas condicións, pero eu apostaría por un discurso integrador e construtivo.

“Hai que apostar pola pedagoxía e polos discursos que non exclúan, senón que sumen”

7. Entre as persoas que asistiron á túa palestra na UERJ había varios/as estudantes dos cursos de verán de lingua galega que se imparten en Galicia cada verán e da que fuches secretaria durante seis anos. Ademais fuches lectora de galego na Universitat de Barcelona. Por que é importante que persoas doutros países estuden a nosa lingua?

Foi moi emocionante o reencontro con persoas que anos atrás estiveron nos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros, só podo sentir agradecemento pola súa presenza. Ser secretaria deses cursos durante seis anos quizais foi a experiencia profesional máis gratificante de todas, pois estar en contacto con esa forza que vén de lonxe é revitalizador. Tecer esa rede de relacións que é inquebrantable, ver como volven ós seus países como brigadistas do galego, seguir a súa traxectoria e ver que se comunican en galego polo facebook ou que investigan sobre aspectos da nosa lingua ou da nosa literatura con rigor. Sen dúbida son os mellores embaixadores, a nosa mellor campaña de marketing nas súas universidades. É unha pena que haxa tantos cartos para promocionar un vídeo musical onde Galicia aparece cinco segundos e non haxa recursos para manter o número de bolsas que había anos atrás. Deberiamos mimar moito máis ás persoas que aprenden a nosa lingua no exterior. Ese labor foi o que despois desempeñei en Barcelona e o que fan tantos lectores e lectoras nas universidades de todo o mundo. Un traballo moitas veces pouco valorado dende a administración, pero imprescindible para dar a coñecer o que somos fóra de Galicia e no ámbito universitario.

“É unha pena que haxa tantos cartos para promocionar un vídeo musical onde Galicia aparece cinco segundos e non haxa recursos para manter o número de bolsas que había anos atrás para os cursos de galego”

8. Volverás ao Rio de Janeiro?

Espero volver ó Rio de Janeiro. Ós lugares onde un é feliz cómpre volver, en contra do que di a canción de Sabina. Dende logo levo a mellor das impresións da cidade e das súas xentes, é acolledora e fermosa e quedei con ganas de ver moitas outras cousas, así que agardo regresar.

Agora brevemente…

O mellor e o peor do Río e do Brasil

O mellor os cariocas e as cariocas porque a súa amabilidade, a súa alegría fan da cidade un lugar mellor.

O peor as distancias, tanto a que nos separa de Galicia como a que hai entre os diferentes puntos da cidade e, moi especialmente, as distancias sociais.

Un lugar no Río de Janeiro

É imposible rescatar só un. Eu quedo coa orografía desbordante da cidade dende calquera punto que se poida contemplar e cos seus barrios: Lapa, Santa Teresa, a Gávea… e, por suposto, co paseo pola praia á tarde baixa dende Leblón a Copacabana.

Unha palabra do galego e unha do portugués

Beleza, co significado que lle dan nesta beira do mar para indicar que se está de acordo e co común con Galicia para designar as cousas que nos deixan extasiados, como podería ser Rio de Janeiro e as súas xentes. Sen dúbida, beleza!

Unha autora ou autor galego e unha autora ou autor brasileiro

Escoller sempre é complicado, pero neste contexto vou dicir Xosé Luís Méndez Ferrín e Nélida Piñón, porque nesta viaxe volvín sobre A república dos sonhos. Nélida foi a primeira escritora brasileira en presidir a Academia Brasileira das Letras, unha brasileira con raíces en Cotobade, o mesmo lugar onde eu teño as miñas. Merquei na praza do Tiradentes Coração andarilho para que me acompañe de volta. É a viaxe ó seu Rio dende Cotobade, onde a historia da familia comeza. E cando penso en Nélida Piñón tamén sorrío recordando a historia que Méndez Ferrín, un escritor ó que admiro, me contou máis dunha vez. Seu pai era xuíz en Cotobade e el acompañábao, foi así como un día cre lembrar a Nélida Piñón nunha festa… un relato que Ferrín narra con mestría e que o menos importante é que non sexa verdade. Son dous grandes escritores que estes días están na miña cabeza.

Un desexo para o futuro

Volver a Brasil e facelo con máis tempo!

Anúncios

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair / Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair / Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair / Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair / Alterar )

Conectando a %s